San Antonio, día de festa local en Monforte

Maña rematará a programación das “segundas patronais“ de Lemos

Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e membros do equipo de goberno do Concello, encabezou a comitiva institucional nos actos na honra de San Antonio celebrados este sábado, 13 de xuño, festivo local en Monforte. O día grande das festas e xornada de gran tradición no barrio de San Antonio arrancou ás 9.00 horas coa bendición e ventas das roscas fronte a igrexa e na Praza de Santa Clara, seguida de dianas e alboradas a cargo da Charanga NBA e Os Xograres de Lemos.

Os actos continuaron ás 12.30 horas, coa celebración da misa solemne na igrexa de San Antonio e procesión, na que participou a comitiva institucional presidida polo alcalde, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, a concelleira de Sanidade, Pilar Espinosa, o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, a concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé, así como outros membros da Corporación Municipal.

Como marca a tradición, na procesión polas rúas próximas á igrexa de San Antonio os devotos lanzaron pétalos de rosas sobre a imaxe do santo. Seguidamente, procedeuse á degustación dun viño proporcionado por bodegas da Ribeira Sacra e un aperitivo na Praza do Campo de San Antonio, nun acto organizado pola comisión de Festas.

As “segundas patronais” da cidade
O Concello de Monforte colabora de forma estreita coa celebración das Festas de San Antonio, unha das tradicións festivas de barrio máis importantes e participativas da nosa cidade, que este ano celébranse desde o xoves 11 de xuño ao domingo 14, cun amplo programa de actividades. “Estas festas son moi queridas polos monfortinos e monfortinas porque manteñen a esencia de festa popular e de convivencia veciñal e supoñen un atractivo tamén para os que nos visitan, por iso desde o Concello queremos colaborar e apoiar a súa celebración, igual que facemos co resto dos barrios e parroquias do municipio”, destaca o Alcalde, para quen as festas de San Antonio “son as segundas patronais de Monforte”.

Neste caso, o Concello apoia a organización do evento cunha axuda económica de 3.000€ e reforzando outros servizos especiais como a limpeza, ademais da cesión do espazo público e o mobiliario.

A programación das festas continúa hoxe día 13 cos seguintes actos: 19.30 h. Actuación da agrupación Lemavos na praza de Santa Clara. 22.00 h. Festa coa actuación do Grupo Los Coleguitas. 00.00 h. Sesión de fogos de artificio que dará paso á verbena con Los Coleguitas e finalización co concerto a cargo do grupo Malenne.

Mañá domingo día 14 ás dez horas, salva de bombas para anunciar o último día das festas. 10.30 h. Actuación da Agrupación Amigos a Pandeireta e Cadela Asasina polas inmediacións do barrio de San Antonio. 11.30 h. Xogos infantís no Campo de San Antonio para os máis pequenos. 13.00 h. Sesión vermú no Campo de San Antonio a cargo da charanga Os Sureños. 21.00 h. A actuación do grupo Punto Clave porá o broche final as festas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.