
Salvaterra de Miño | A mobilización convocada pola Plataforma de Defensa da Sanidade Pública do Condado-Paradanta esixiu este 14 de agosto con centos de persoas a recuperación do persoal sanitario e o fin do desmantelamento da Atención Primaria.
A veciñanza de Salvaterra de Miño respondeu ao chamamento da Plataforma de Defensa da Sanidade Pública do Condado-Paradanta e encheu as rúas do municipio para reclamar unha atención sanitaria digna. A mobilización, convocada ante a situación “insostible” que está a vivir o centro de saúde, reuniu centos de persoas malia as boas condicións meteorolóxicas, nunha mostra do rexeitamento social ao progresivo deterioro da Atención Primaria no municipio por parte da Xunta de Galicia.
Na protesta, a Plataforma e a veciñanza reclamaron ao Sergas a recuperación inmediata do persoal necesario. A mobilización produciuse nun mes de agosto especialmente crítico, no que o centro de saúde está a funcionar cunha carencia de profesionais que está a impedir garantir a atención ordinaria á veciñanza.
A situación denunciada pola Plataforma é especialmente grave: das cinco prazas de medicina de familia do centro, neste momento só está en activo unha persoa médica titular, á que se suma outra profesional en prácticas cunha capacidade asistencial moi limitada. A isto engádese a ausencia de Pediatría durante este mes. Con todo, o colectivo subliña que a situación actual non pode xustificarse unicamente polo período estival, no que simplemente está facendo máis visible o deterioro que se vén denunciando desde hai meses.
A protesta chega, de feito, pola “demolición” do centro de saúde e de que as persoas usuarias se atopen mesmo con avisos de anulación das consultas médicas, quedando limitada a asistencia ás urxencias. Para a organización, esta situación evidencia o abandono da Atención Primaria e a incapacidade do Sergas para garantir unha atención sanitaria ordinaria.
Dende a Plataforma subliñan que a mobilización deixa claro que existe unha enorme preocupación e tamén unha enorme disposición a defender a sanidade pública. Salientan que o que se está a reclamar é algo tan básico como que o centro de saúde conte co persoal necesario para atender a unha poboación de máis de 11.000 habitantes. “Non estamos a pedir ningún privilexio, estamos a esixir que se garanta un dereito fundamental”, subliñan Desde a organización da manifestación destacan que a resposta da veciñanza ante a “desfeita” do centro de saúde demostra que Salvaterra non está disposta a aceptar como normal quedar practicamente sen médicos e que as persoas teñan que asumir como inevitable a perda de atención sanitaria nun concello do rural.




