Salvaterra recibe a Lucía Rodríguez, medallista europea de bádminton

Participou coa selección española no Campionato de Europa en Belgrado

Salvaterra de Miño | A pasada fin de semana tivemos o inmenso pracer de recibir no Concello, á nosa veciña Lucía Rodríguez, quen ven de lograr unha auténtica proeza e que sen dúbida marca un antes e un despois no bádminton feminino español: MEDALLA DE BRONCE POR EQUIPOS JUNIOR COA SELECCIÓN ESPAÑOLA E MEDALLA DE OURO POR PARELLAS JUNIOR, AMBAS NO CAMPIONATO DE EUROPA CELEBRADO EN BELGRADO O PASADO 27 DE AGOSTO.

A nosa querida veciña consegue un fito histórico, xa que é a primeira vez na historia do bádminton feminino español na categoría junior, que unha parella logra acadar o máximo escalafón dun campionato desta magnitude, polo que non podemos facer outra cousa que sentirnos orgullosos e renderlle a Lucía o recoñecemento que merece.

Esta xove salvaterrense, acompañada da súa nai Geli, estiveron un bo tempo conversando e repasando todo o proceso coa Alcaldesa Marta Valcárcel, e o Concelleiro de Deportes Edgar Martínez, quenes se mostraban unha vez máis abraiados pola humildade que proxecta Lucía logo dun éxito tan importante coma este.

No horizonte máis próximo está Santander, do 17 ao 30 de outubro, onde se celebrará o MUNDIAL e onde Lucía estreará a súa condición de Campiona de Europa para participar en varias modalidades:
Competición por selecciones
Competición individual
Dobles femininos
Dobles mixtos

Dende o Concello trasladámoslle a Lucía os nosos folgos para optar a todas as medallas, lembrándolle que xa é unha auténtica realidade como deportista de alto nivel e un espello para todos os nenos e nenas do noso Concello.

Actividades para maiores
No mes de setembro o Concello de Salvaterra de Miño retoma as actividades para maiores no Centro Social do Maior en Leirado, e amplía actividades no centro da vila.

A partir do 26 de setembro  retomaranse as actividades de memoria, ximnasia, pilates e pintura en Leirado.

En Salvaterra ofertarase para maiores memoria e novas tecnoloxías, que se realizarán na Biblioteca municipal. Ademáis crearase un taller de teatro.

No que queda de ano tamén se realizarán cos maiores do municipio dúas excursións, unha a O Grove e outra a Santiago de Compostela. Para inscribirse a través do mail barafunda@barafundaanimación.com ou no 986.221.218

Volve a Biblioteca viaxeira
Un ano máis o Concello de Salvaterra de Miño pon en marcha o seu programa “A Biblioteca Viaxeira” a través do programa ler conta moito, co fin de achegar a todas as parroquias actividades dinamizadoras da lectura

O programa deste ano arranca o próximo 21 de setembro na Biblioteca Municipal e visitará Porto, Pesqueiras, Fornelos e Lira.

Todos os interesados en participar so tedes que apuntarvos no 637 108 343 ou no correo biblioteca@concellodesalvaterra.org