Salvaterra pon en marcha servizo gratuíto de bicicletas

Na nova Oficina de Turismo no Parque da Canuda

Salvaterra de Miño | O Concello de Salvaterra de Miño ven de abrir no mes de agosto unha nova Oficina de Turismo xunto ao Parque Público A Canuda, co fin de atender o incremento de demanda de información turística durante estes meses  e, do mesmo xeito, abre tamén en época estival o servizo gratuíto de bicicletas.

O horario de ambos servizos é de mércores a domingo de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 19.30h, de agosto a novembro.

Nesta primeira semana de posta en funcionamento da oficina de turismo xa pasaron por ela máis de 100 visitantes nacionais e internacionais como Francia, Suiza ou Portugal, para recoller información sobre o noso municipio e os seus lugares de interese.

A apertura desta nova oficina de turismo se leva a cabo  baixo a axuda outorgada pola Deputación de Pontevedra para a dotación de persoal en oficinas de información turística, adherida polo tanto a Rede de Oficinas de “Info Rías Baixas”.

En relación ao Servizo gratuíto de bicicletas salientar que tódolos menores de 16 anos deberán traer o seu propio casco de protección para poder empregala. Os menores de idade  precisan consentimento dun titor legal.

O concello de Salvaterra de Miño  é dos poucos de Galicia que contan con   bicicletas de paseo de xeito gratuíto,  que poderán empregar @s veciñ@s e visitantes, para percorrer o Casco Urbano, o carril bici e as sendas dos Ríos. Así, o que o desexe poderá facer de forma natural unha ruta polos 25 km de sendas que temos polos Ríos (Mendo, Miño e Tea), o Recinto Amurallado e a Ponte Medieval. Ademais este verán poderán ser os primeiros en facer a senda entre Salvaterra e Tui, hasta o Río Caselas.

Con iniciativas como esta o que se pretende é fomentar o deporte e hábitos saúdables entre os seus veciños e veciñas, o uso de medios de transporte ecolóxico e achegar a natureza e o propio patrimonio a todos e a todas, ademais de ser unha chamada para as miles de persoas que se visitan a nosa Vila na procura de tranquilidade e lecer, sen esquecer unha boa gastronomía.

Salvaterra de Miño é Vila Milenaria, Capital do Viño do Condado do Tea, pero sobre todo é un  Xardín sobre o Miño, sendo o Parque Público A Canuda un dos reclamos turísticos máis importantes do sur de Galicia. En breves semanas tamén se engadirá na oferta as bicicletas eléctricas que serán entregadas pola AECT Río Minho as tres Eurocidades, Tui-Valença, Tomiño-Vilanova de Cerveira e Salvaterra-Monçao.