Salvaterra licita o subministro de son e mobiliario para eventos na Fortaleza

Por valor de 44.426,30€

Salvaterra de Miño | O Concello de Salvaterra de Miño abriu o proceso de licitación para o subministro de equipos de son e mobiliario, destinados á celebración de eventos e actos turísticos no Espazo da Fortaleza. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 19 de outubro para presentar as súas ofertas e poden consultar os pregos e a documentación técnica no Perfil de Contratación do Estado.

Este proxecto inscríbese no Programa de Cooperación INTERREG VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, concretamente no marco do proxecto VISIT RIO MINHO PLUS, cuxo obxectivo é consolidar a marca turística do Río Miño e crear novos produtos turísticos transfronteirizos entre Galicia e o Norte de Portugal.

O investimento financiase da seguinte forma:

– 75% mediante Fondos Europeos.
– 25% a través da achega directa do Concello. Continuidade na modernización da Fortaleza, acción enmarcada dentro da primeira anualidade do proxecto VISIT RIO MINHO PLUS (ano 2025)

Esta actuación da continuidade ao investimento de máis de 90.000 euros realizado o ano pasado no Museo da Ciencia do Viño, situado dentro do propio recinto fortificado.

– A primeira anualidade do proxecto centrouse na actualización e modernización tecnolóxica dos recursos expositivos mediante:
– A substitución das pantallas nas 16 barricas interactivas.
– A instalación de dúas pantallas táctiles para renovar os antigos módulos de estatísticas fixas.
– A actualización dos contidos multimedia dos módulos de adegas e paisaxes.
– O desenvolvemento dunha aplicación informativa accesible mediante códigos QR, que permite aos visitantes consultar toda a información do museo e da fortaleza directamente nos seus teléfonos móbiles.

Licitación do Espazo Lúdico Termal
O Perfil do Contratante do Estado publicita a licitación para presentar ofertas da obra de “Acondicionamento e mellora do Espazo Lúdico Termal de Teans” ata o 12 de outubro.

Estas obras están financiadas pola Consellería de Economía e Industria a través das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalación dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 86.055,20 euros e polo Concello de Salvaterra de Miño pola cantidade de 26.837,80 euros.

Esta obra está dividida en tres lotes , por un lado a adquisición e instalación de sistemas de bombeo, máis concretamente de tres bombas sumerxibles. Por outro lado coa actuación en vestiarios, duchas e aseos, coa instalación dunha climatización en todo o recinto que reduza as variacións de temperaturas entre o interior e exterior e polo tanto a condensación de vapor que se xera dentro das instalacións.

O último lote desta obra vai dirixido a mellorar a calidade das augas usadas para o baño dotando as pozas dun sistema de raios Ultravioletas que reforzarán todas as medidas hixiénicas que se levan a cabo, tal e como marca a lexislación vixente. As augas termais e mineromedicinais poden perder esa condición a ser tratadas quimicamente, por iso a importancia de dotar as termas deste sistema, xa que a radiación ultravioleta de lonxitude de onda próxima a 254 nm actúa sobre o ADN e ARN de bacterias, virus, fungos e protozoos, impedindo a súa reprodución e eliminando a súa capacidade infectiva sen utilizar químicos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.