Salceda solicita subvención europea para o novo pavillón municipal

No marco dos fondos europeos Next Generation UE

Salceda de Caselas | O concello de Salceda de Caselas ven de solicitar unha subvención á Deputación de Pontevedra para a asistencia técnica na presentación de proxectos que poidan optar aos fondos europeos Next Generation UE do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do ámbito do turismo deportivo sostible.

Estes fondos europeos forman parte da compoñente 26 do PRTR destinado ao Fomento do Sector do Deporte e serán regulados por unha orde de subvención que nas próximas semanas publicarase no BOE por parte do Consello Superior de Deportes do goberno de España.

O obxectivo fundamental da concellería de Deportes que dirixe Rubén González é realizar a presentación para esta subvención do goberno de España destinada ao financiamento de infraestruturas e dotacións deportivas e poder completar así o proxecto integral do novo pavillón municipal. que na súa primeira fase foi presentado para a solicitude de fondos dentro do Programa PON2030 da Deputación de Pontevedra e que se aprobou no último pleno ordinario celebrado no día de onte

Rubén González Coto, concelleiro de Deportes: “Esta subvención que solicitamos terá como finalidade obter a mellor asistencia técnica para presentarnos a esta importante subvención do goberno de España, que a través desta liña de financiamento nos vai permitir completar esta infraestrutura fundamental ”. Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas. ”Xestionar todas as posibles vías de financiamento para acadar para Salceda infraestruturas vitais é fundamental dada a capacidade limitada de recursos que posúen os concellos para levar a cabo estes grandes proxectos”.