Salceda solicita subvención ante as fortes choivas de comezos de 2023

Para reparacións nas parroquias de Picoña, San Xurxo e Budiño

Salceda de Caselas | A concellería de Urbanismo que dirixe a alcaldesa Verónica Tourón presentou a semana pasada a solicitude de subvención dentro da liña que a Deputación de Pontevedra puxo a disposición dos concellos para o financiamento de actuacións destinadas á reparación dos danos causados en infraestruturas municipais polas fortes choivas producidas entre os días de nadal do ano pasado e os primeiros días deste ano 2023.

O departamento técnico de urbanismo leva realizado un traballo de recompilación exhaustiva dos danos producidos polas inundacións para poder recoller todos os datos e avaliar os desperfectos producidos nas infraestruturas, instalacións e terreos municipais e así poder elaborar proxectos planificados de reparacións nas zonas máis afectadas que poidan ser obxecto de ser financiadas.

Os proxectos elaborados cuantificaron os danos e as actuacións de reparación a realizar das zonas máis afectadas, en Loureiro, na parroquia da Picoña, nas Curuxeiras, na parroquia de San Xurxo e no Cerquido, na parroquia de Budiño.

De forma xeral as actuacións se basearán na reparación das zonas anexas a estradas de titularidade municipal que aseguraran a firmeza dos terreos e a seguridade do tráfico nas vías, mediante a construción de muros de escollera que se derrubaron polas inundacións e na zona do Cerquido repararase a danada rede de augas pluviais e o entorno dunha balsa de almacenamento que suporan un mecanismo de canalización das augas para unha zona especialmente vulnerable ás inundacións e as fortes precipitacións.

O total do custe das reparacións e actuacións a realizar a través dos catro proxectos presentados ascende a un total de 135.847,35 euros e será financiado integramente a través da subvención solicitada ao ente provincial.

Os traballos de reparación das diferentes actuacións recollidas nos catro proxectos comezarán a realizarse no verán cando as condición climatolóxicas sexan as máis propicias e seguras para que o desenvolvemento das obras se realice de forma íntegra e as reparacións queden executadas.

Á presentación desta solicitude de subvención únese a realizada a finais do mes de xaneiro ao abeiro do Real Decreto 307/2005 do Ministerio do Interior do goberno de España para a concesión de axudas en atención a determinadas necesidades derivadas de situacións de emerxencia ou de natureza catastrófica.

Verónica Tourón Alcaldesa e Concelleira de Urbanismo: “Cando se produciron as fortes choivas xa me comprometín a traballar na cuantificación exhaustiva de todos os danos e na exploración de todas as vías que as administracións abriran para financiar os custos da reparación dos danos. Desta xeito xa se presentaron solicitudes de subvención a distintas administracións para a obtención de axudas. Quero agradecer igualmente ao departamento de urbanismo o seu gran traballo na tarefa de cuantificar os danos e na elaboración dos proxectos de reparación das zonas afectadas.”