Salceda revalida a súa terceira flor de honra

No marco do certame Vilas en Flor 2023

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas ven de recibir o galardón que outorga o certame Vilas en Flor para este ano 2023, sendo dos poucos Concellos que conta con tres flores de honra. Vilas en Flor recoñece deste xeito o traballo continuo que ven desenvolvendo o Concello na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá co coidado da contorna.

O diploma foi recibido na gala anual, que este ano se celebrou no Auditorio de Goián, no Concello de Tomiño.

O pasado mes de outubro, o xurado visitou Salceda valorando moi positivamente o traballo desenvolto nos últimos anos en aspectos como as humanizacións, a creación e mantemento das sendas fluviais e outros espazos verdes, ou a creación de máis de vinte aparcadoiros disuasorios no casco urbano, que permiten unha maior seguridade peonil, ademais de facilitar o estacionamento e a fluidez do tráfico rodado.

Tamén destacaron o labor que realiza ACEESCA nunha proposta de integración laboral de persoas con discapacidade.

O certame sigue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza de proxectos implantados xa en países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia ou Canadá. “Vilas en Flor” é un certame impulsado pola Fundación Juana de Vega e que este ano celebrou a súa sexta edición, coa participación de trinta e oito concellos galegos.

Método CER para as colonias felinas
O Concello de Salceda de Caselas avanza no coidado das colonias de gatos existentes no casco urbano do municipio. A xestión realízase a través dun grupo de voluntariado en coordinación co Concelleiro, que se encargan tanto da alimentación e coidado dos felinos como da xestión das esterilizacións, que se realizan nas clínicas veterinarias de Salceda.

O mesmo grupo de voluntariado é o encargado do desenvolvemento do método CER para o rexistro e control dos felinos. Así mesmo, encárganse de promover a adopción entre a veciñanza, contando neste momento xa con 7 adopcións realizadas, todas elas de crías recollidas das colonias. Contan para iso cun perfil de facebook, “Adopciones Salceda de Caselas”.