Salceda recibe 531.000 € para obradoiro de emprego

Por parte da Xunta de Galicia

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas vén de recibir a comunicación da concesión de 531.046,20 euros para un obradoiro de emprego por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Neste caso a acción acollerá a 20 persoas, 10 no campo da albanelería e outras 10 no da carpintería de madeira, que durante un ano se encargarán das obras de reforma de diferentes edificios municipais.

Selene González, concelleira de Formación e Emprego, amosou o seu contento coa achega xa que “estamos a falar dunha magnífica oportunidade para a nosa veciñanza a nivel formativo, económico e social. Este tipo de formación supoñen unha mellor empregabilidade das nosas mulleres nuns sectores hisoricamente masculinizados e en contínua demanda de persoal”.

Os obxectivos deste obradoiro son os de recuperar o antigo colexio da parroquia de Budiño, destinándoo a usos sociais, e seguir traballando na recuperación de diversos edificios educativos.

O alumnado combinará as horas de formación teóricas coas de traballos prácticos, percibindo as retribucións correspondentes. O obradoiro supón unha excelente oportunidade de formación para o emprego da veciñanza.

A alcaldesa da vila, Loli Castiñeira, quixo rematar indicando que “máis de medio millón de euros que, ademais de formación e emprego, servirán para a rehabilitación de espazos municipais que goza toda a veciñanza. Unha vez máis a colaboración entre as diferentes administracións da bos froitos. Agradecemos neste caso á Xunta de Galicia a concesión desta subvención ao noso Concello”.