Salceda executará a rede de saneamento en Ataude – Picoña

Cun investimento de 1,9 millóns de euros aprobado polo Consorcio de Augas do Louro

Salceda de Caselas | O Consorcio de Augas do Louro ven de aprobar a inversión do remanente, arredor de 1,9 millóns de euros, para obras e outras actuacións de saneamento e abastecemento.

O remanente líquido de tesourería para gastos xerais co que conta o Consorcio distribuirase, como asi o veñen de decidir as alcaldesas e alcaldes dos catro concellos integrantes,  en función da participación de cada un deles nos ingresos que realizan á entidade.

Salceda de Caselas investirá parte dos fondos na execución da rede de saneamento de Ataude  na parroquia de Picoña. Esta actuación que xa presentou a alcaldesa e foi aprobada polo pleno da corporación municipal, no pasado mes de decembro, constará de tres tramos de rede de saneamento cunha lonxitude total de 491´10 metros que permitirá dotar de saneamento a 18 vivendas da zona, salvando unha gran diferencia de cotas e pendentes do terreo.

Igualmente se financiará a redacción de proxectos de mellora de rede de saneamento  para os tramos de Loureiro-O Maior en Picoña, Ponte do Ameal-Presa en Parderrubias, Outeiro en San Xurxo e en Santa María de Salceda. Proxectos que facilitarán unha execución máis directa e inmediata desas melloras, xa que a redacción e división por tramos permitirá ao concello optar con máis facilidade a novas vías de financiamento para acometer ditas actuacións. Rubén Gonzalez Coto, concelleiro de Medio Ambiente: “Estas actuacións permitirán dotar do servizo de saneamento á  unha importante cantidade de vivendas da zona de Ataude e planificar de forma axil e eficaz a execución de novos tramos de saneamento noutras parroquias”.