
Salceda de Caselas | O concello de Salceda de Caselas acaba de inaugurar a nova Ruta Enogastronómica, unha actuación destinada a poñer en valor os recursos gastronómicos, vitivinícolas, culturais e paisaxísticos do municipio e a impulsar un produto turístico vinculado á identidade e aos valores do territorio.
O proxecto desenvolveuse no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Condado Paradanta Destino Enogastronómico”, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e co financiamento da Unión Europea–NextGenerationEU. A actuación foi contratada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta – Terra e Auga e contou cun orzamento total de 142.668,82 euros, IVE incluído.
A nova ruta denominada “Callos e Viño en Ruta” articula diferentes puntos de interese do municipio a través dun itinerario peonil sinalizado, conectando recursos enogastronómicos e establecementos locais. O obxectivo é ofrecer ás persoas visitantes unha experiencia turística estruturada que permita coñecer o territorio e, ao mesmo tempo, favorecer a dinamización da actividade económica vinculada á gastronomía e á produción local.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda de Caselas, seguimos traballando na nosa rede de sendas, unha das nosas sinais de identidade turística. Con esta nova proposta conseguimos xuntar callos, hostelería, turismo, viño, e dinamización comercial. Somos un concello cheo de vida e esta nova ruta é un novo atráctivo.
A senda de preto de catro quilómetros parte dende o espazo do Antiguo Matadoiro, e percorre puntos clave como a Praza de Abastos, espazo das Carballas, Pazo de Pegullal ou o antigo pote comunitario no espazo do Rubás. A ruta é circular e finaliza no centro da vila para que as persoas que a realicen poidan descubrir a gastronomía e os viños asociados a esta iniciativa da man da hostalería adherida ao proxecto.
A actuación conta cun deseño gráfico e sinaléctica que permite establecer a identidade visual da ruta, desenvolver os contidos interpretativos e producir os diferentes elementos informativos instalados ao longo do percorrido, como paneis e placas identificativas, así como material divulgativo asociado e xogos interactivos mediante codificación QR. A ruta tamén conta cunha páxina web propia na ligazón rutaenogastronomica.salcedadecaselas.gal onde se pode atopar información entorno a propia senda, a festa dos callos, establecementos adheridos e outra información de interese.
O resultado final é a implantación dunha ruta peonil sinalizada que articula os principais recursos enogastronómicos de Salceda de Caselas, facilitando o coñecemento do municipio e contribuíndo á dinamización do sector local. A mellor forma de facer a dixestión tras unha boa tapa de callos e unha cunca de viño da zona.




