Salceda de Caselas endurece os controis COVID

Co remate da Semana Santa e ante a previsión dunha cuarta onda de contaxios

Salceda de Caselas | Garda Civil e policía local intensificaron os controis COVID nos últimos días no municipio de Salceda de Caselas, que se mantén con 0 casos activos de coronavirus dende o pasado 23 de marzo. Precisamente para poder manter ese excelente dato, nestes días estanse a intensificar as tarefas de vixianza no que ás medidas covid se refire, pois co remate da Semana Santa e cos datos nada esperanzadores que chegan e que fan temer unha inminente cuarta onda, faise imprescindible un maior esforzo aínda no cumprimento da normativa.

Deste xeito, nos últimos días lévanse tramitado diferentes denuncias por consumo de tabaco sen gardar a distancia de seguridade, ou por permanecer sen máscara protectora sen xustificación algunha.

En canto ao tabaco, as denuncias céntranse en diferentes terrazas dos establecementos hostaleiros nos que se ten detectado clientela fumando e saltándose a prohibición vixente, así como no mercado semanal dos mércores, onde se teñen detectado tamén diversos incumprimentos neste sentido por parte dalgunhas persoas responsables dos postos de venda ambulante.

No que se refire ao uso da máscara protectora, tamén nos últimos días se levan realizado diversas denuncias a persoas que circulaban pola vía pública sen a correspondente máscara, ou levándoa baixo o queixo, así como a xente que permanecía nas terrazas da hostalería sen facer uso da máscara a pesares de non estar consumindo.

“Dende o Concello de Salceda, a través das redes sociais oficiais, infórmase permanentemente dos casos activos no municipio”

Dende o Concello de Salceda, a través das redes sociais oficiais, infórmase permanentemente dos casos activos no municipio, incidindo na importancia do cumprimento das medidas covid como único xeito de manter a cero o contador dos casos activos.

Lucía Pereira, Concelleira de Seguridade: “as forzas de seguridade están a intensificar o control e a vixianza do cumprimento das normas, pois é o único xeito de garantir a seguridade da veciñanza e de manter estes datos positivos”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!