Salceda cumprirá co pago aos seus provedores

O Ministerio de Facenda permitiralle ao Concello pagar máis de 2M€ mediante a adhesión ao fondo de financiación de entidades locais

Salceda de Caselas | O Pleno do Concello de Salceda de Caselas debaterá o mércores 3, en sesión extraordinaria a adhesión ao fondo de financiación de entidades locais, que permitirá o pago de 2.131.559,95€ en facturas pendentes a diferentes empresas provedoras do Concello.

O de Salceda de Caselas atópase entre os Concellos que se poden adherir de xeito voluntario a este mecanismo, mentres que o Ministerio o fai de obrigado cumprimento para cinco municipios de Galicia con unha situación económica comprometida. A situación do Concello de Salceda de Caselas é a dun Concello que presta servizos para unha poboación de máis de 10.000 habitantes, e con proxectos e programas máis propios de Concellos moito maiores, pero cuns ingresos de menos de 6.000.000 de € que resulta claramente insuficiente. O pago a provedores/as permitirá a mellora de diferentes parámetros, nomeadamente a redución do período medio de pago, para o cal o equipo de goberno presenta unha actualización do Plan de Axuste aprobado no 2023, que demostra viabilidade e equilibra as finanzas do Concello.

En palabras da alcaldesa, Loli Castiñeira, “coa aprobación deste documento ofrecemos xestión, equidade e un horizonte temporal claro e seguro. Os pequenos sacrificios a curto prazo garanten a sostenibilidade financieira a longo prazo, e ese ten que ser o obxectivo fundamental”. Lembrou tamén a Alcaldesa que “este Plan é un exercizo de responsabilidade para que as empresas provedoras e as persoas autónomas que traballan para o noso Concello poidan cobrar polos seus traballos en tempo e forma”.

O goberno municipal presenta un plan de axuste no que se prioriza a protección dos servizos esenciais, sobre todo os que van dirixidos ás persoas máis vulnerables, presentando medidas estruturais que farán máis eficiente o gasto, garantindo a conservación de todos os servizos básicos incluíndo os que se crearon nesta lexislatura (Campamentos gratuítos, gabinete psicoloxía, Aula XXI para adiccións tecnolóxicas, becas ao estranxeiro Salceda Moza o Mundo, etc)

O Plan de axuste presenta medidas novidosas que permitan incrementar os ingresos do Concello, como o Plan de edificios inacabados que ademais de aumentar o parque de vivendas existente suporá un importante ingreso de ata 811.835,40€ para as arcas municipais, ou a valorización dos diferentes resalidos municipais susceptibles de poñerse en venta ou realizar subasta pública, e que poderían chegar ata os 868.184€. Tamén medidas internas como a convocatoria de diferentes prazas previstas na RPT, o maior control na conta 413, ou a licitación de diferentes contratos como o da limpeza, alumeado, SAF ou combustibles contribuirán ao equilibrio das contas municipais sen necesidade de prescindir de ningún dos servizos ofrecidos á cidadanía.

O Plan recolle tamén a revisión das diferentes ordenanzas fiscais do Concello, con actualización de impostos como o do IBI que se tiña rebaixado ata o 0,40%, ou a taxa de recollida do lixo que o Concello está obrigado a actualizar para cubrir os custes do servizo, e que a día de hoxe resulta claramente deficitaria.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.