Salceda aprobou a licencia para a ampliación do IES Pedras Rubias

Consta dun novo módulo fronte á entrada principal

Salceda de Caselas | Despois da aprobación no pleno do pasado 27 de abril da bonificación do 95% do ICIO para a construción da ampliación do IES Pedras Rubias, por razóns de declaración de utilidade pública, na Xunta de Goberno Local celebrada no día de hoxe aprobouse por unanimidade a licencia urbanística para dita ampliación.

Esta licenza conta cos informes favorables do departamento técnico de urbanismo, que lle deu prioridade despois de que a Consellería presentase toda a documentación requirida para outorgar a licenza solicitada.

A ampliación consta dun novo módulo fronte á entrada principal do edificio que se comunicará co existente, á vez que respecta tanto a pista descuberta, como o campo de fútbol e a zona axardinada da parcela. O orzamento de execución material según o proxecto presentado ascende a 2.305.131,30 euros.

Esta ampliación que supón o máximo da edificabilidade da parcela, dará resposta á necesidade existente para continuar co bacharelato implantado neste curso académico.