Salceda acada tres flores de honra no certame Vilas en Flor

Na súa segunda participación celebrada en Allariz
O diploma foi recibido na gala anual, que este ano se celebrou no patio da Fábrica de Curtidos “Familia Nogueiras” de Allariz.

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas ven de recibir o galardón que outorga o certame Vilas en Flor 2021, conseguindo aumentar a distinción ao subir de dúas a tres flores de honra na súa segunda participación, avalando o traballo continuo que ven desenvolvendo o Concello na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá co coidado da contorna. O diploma foi recibido na gala anual, que este ano se celebrou no patio da Fábrica de Curtidos “Familia Nogueiras” de Allariz.

No pasado mes de setembro, o xurado visitou o noso municipio acompañado por Lucía Pereira, Concelleira de Turismo; Loli Castiñeira, Tenente de Alcaldesa e Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda.

O xurado, formado por persoas profesionais de recoñecido prestixio dos sectores do viveirismo, a xardinería, o paisaxismo e o turismo valorou moi positivamente o traballo desenvolto nos últimos anos polo Concello de Salceda, en aspectos como as humanizacións, a creación e mantemento das sendas fluviais e outros espazos verdes, ou a creación de máis de vinte aparcadoiros disuasorios no casco urbano, que permiten unha maior seguridade peonil, ademais de facilitar o estacionamento e a fluidez do tráfico rodado. Outro dos recoñecementos do xurado foi a aposta e instalación de elementos novedosos para a mellora da biodiversidade como o hotel de insectos.

Logo da recepción da distinción, o Equipo de Goberno de Salceda quixo recoñecer e agradecer o traballo dos distintos departamentos municipais e empresas de mantemento que fan posible que o noso Concello sexa xa un referente. Dende o persoal de vías e obras, desbroces, recollida de lixo, limpeza de rúas, etc, así como as tarefas de mantemento de parques e xardíns que realiza ACEESCA nunha proposta de integración laboral de persoas con discapacidade. Ademais fíxose extensible este agradecemento ao persoal técnico de urbanismo, clave para o bo desenvolvemento urbano e rural de Salceda.

O certame sigue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza de proxectos implantados xa en países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia ou Canadá. “Vilas en Flor” é un certame impulsado pola Fundación Juana de Vega e que este ano celebrou a súa cuarta edición, coa participación de trinta concellos galegos. Na súa organización, participan tamén a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). Conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, e o patrocinio de diferentes entidades privadas.

“O certame sigue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza de proxectos implantados xa en países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia ou Canadá”

Este proxecto persigue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, contribuíndo así ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento das visitas turísticas.

A Concelleira de Turismo, Lucía Pereira quixo resaltar a importancia de que Salceda sexa un dos poucos Concellos que aumenta a distinción, ao pasar de dúas a tres flores de honra. “Este galardón é unha mostra máis do bo traballo en equipo que se ven desenvolvendo nos últimos anos, nunha aposta clara pola recuperación de espazos urbanos e naturais para as persoas. Espazos amables co medio ambiente e coa biodiversidade seguindo un modelo claro de futuro”

Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda: “O coidado dos espazos verdes urbanos é un atractivo máis para visitar Salceda. Este recoñecemento é ao traballo de moita xente todos os días e de dedicar recursos para ter unha vila fermosa. O mérito é para todo o equipo co que traballamos, traballadores/as dos diferentes departamentos e empresas, e o premio é para a nosa Vila, para Salceda”.