Salceda abónalle aos seus empregados a metade da paga extra do 2012

Salceda | O Concello de Salceda abónalle aos seus empregados a metade da paga extra do 2012
A paga extra de Nadal de 2012 fóralle retirada ás/aos empregadas/os públicas/os por Lei aprobada polo Goberno do Estado.
O Equipo de Goberno de Salceda de Caselas (Movemento Salceda) ven de autorizar o reintegro do 50,27% do importe da paga extra de Nadal de 2012 aos empregados públicos que, por aplicación do Real Decreto Lei 20/2012 do 13 de xullo, deixaran de percibir este ingreso. Agora, en base á Lei 36/2014 de 26 de decembro e ao RDL 10/2015 de 11 de setembro, que deixan liberdade aos Concellos para proceder á devolución dunha parte da Paga, Salceda de Caselas acóllese a esta posibilidade para proceder á devolución da parte permitida da Extra. Para iso, era condición indispensable contar co informe favorable de Intervención no cal se aconsellase que a situación económico-financieira do Concello fixese posible esta devolución, condición que se deu no caso de Salceda de Caselas, segundo concluíu no seu informe a Interventora Municipal. Con esta medida, 32 empregados/as van recuperar un total de 25.140,50 €.
O Equipo de Goberno de Salceda de Caselas, sempre se amosara en contra da medida da retirada da Paga Extra aprobada polo Goberno do Estado, polo que agora se acolle á opción de devolución da porcentaxe que permite a Lei, unha vez que se dan as circunstancias económicas precisas no Concello para poder levar a cabo esta devolución.
Jose Luis González, Concelleiro de Facenda e Persoal de Movemento Salceda: “seguimos a defender a nosa posición do 2012, cando nos amosábamos en contra da retirada, por Lei e por parte do Estado, dun dereito básico dos/as traballadores/as. Ante esta posibilidade legal, o Equipo de Goberno así o demostra, acolléndose á posibilidade de reintegro duns ingresos que nunca deberon ser retirados”
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Os/as Empregados/as Públicos/as pagaron unha crise da cal non eran culpables, con contínuos recurtes e perda de dereitos. Queremos pensar que esta non sexa unha medida electoralista e que realmente o Goberno restitúa os dereitos adquiridos dos/das traballadores/as”.