Sae a luz unha muralla no xacemento de Penas do Castelo en Brollón

De seis metros de ancho e catro de alto
A altura orixinal sería aínda maior, segundo os expertos.

A Pobra do Brollón | O achado descubriuse no marco dos traballos financiados polo Goberno de Galicia para afondar no estudo desta muralla, que xa antes de escavar resultaba monumental e nun estado de conservación excepcional.

A estrutura está acompañada ademais dun sistema de foxos escavados na rocha de enorme tamaño e espectacularidade, reforzado este efecto pola situación acrobática do xacemento, pendurado sobre o río Lor.

O obxectivo dos arqueólogos era dar coas dúas caras da muralla para poder ter unha sección da mesma e poder comprender o seu sistema construtivo, ademais de deixar un recurso moi visual para as visitas. Neste senso, os técnicos traballaban cunha estimación de tres metros de ancho, mais ao pouco de comezar a escavar déronse conta que debían ampliar a sondaxe: a cara externa estaba moi clara mais a cara interna non aparecía.

Sistema moi orixinal
Os restos atopados correspóndense cunha muralla construída en seco, sen ningún tipo de argamasa entre as pedras e cun sistema construtivo moi orixinal. No seu interior os expertos puideron ver como a muralla está construída en base a unha especie de módulos que reforzan a estrutura.

Os seus construtores foron dispoñendo, pois, unha serie de reforzos transversais no interior da propia muralla que axudan a resistir a enorme pendente sobre a que foi feita.

María del Carmen Martínez Insua, directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, salientou a importancia deste descubrimento para poder afondar no coñecemento do noso pasado e documentar as técnicas construtivas coas que se estaba a traballar.

“A muralla é realmente monumental”, apunto pola súa banda Benito Vilas, membro de Árbore Arqueoloxía e director da intervención. “Ademais, o sistema construtivo neste terreo tan escarpado foi efectivo, para probalo non hai máis que ver o seu estado de conservación”.

Para Marisa Defente, da directiva da Asociación Veciñal e Comunidade de Montes, “este achado monumental é un atractivo para o monte de Salcedo, tanto para que a xente nos visite como para incidir na conciencia comunitaria da propia aldea. Reforza, ademais a nosa aposta polos usos recreativos e de esparexemento do monte”. Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón, destaca que “con esta intervención, este xacemento estraño, do que aínda non coñecemos a época pero absolutamente monumental, é un recurso turístico interesantísimo para a rede de recursos arqueolóxicos do Concello”.