Rueda: “a primeira matrícula universitaria será gratuíta”

Con miras ao 18F, o candidato do PPdeG fixo balance en Vigo da súa xestión ao fronte da Xunta de Galicia

Vigo | “Este 18F decidimos entre a estabilidade e o desgoberno”. Así de contundente foi Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia e candidato do PPdeG para as vindeiras eleccións autonómicas do 18F durante un acto celebrado en Vigo no que presentou, xunto ao seu equipo de goberno, o balance da xestión destes dous anos de mandato.

“Pido unha quinta maioría absoluta para non ser máis pero tampouco menos que ninguén”, foi a mensaxe dun Rueda que tamén pediu “humildade” ante as enquisas que aseguran esa vitoria electoral porque “non hai que dar nada por gañado”.

Un abarrotado teatro AFundación acolleu esta ‘rendición de contas’ do actual goberno da Xunta na que o propio Rueda, acompañado dos seus once principais Concelleiros e Vice Presidentes, presentaron os seus respectivos balances acolléndose igualmente a un esixente exame de tempo: catro minutos de exposición para cada un.

Así, este acto, que non escapou ás previsibles expectativas electorais, permitiu unha nova toma de contacto de Rueda cos seus militantes. As enquisas preelectorais lle favorecen toda vez a campaña para o 18F, a comezar en dúas semanas, impón o seu ritmo en clave galega pero tamén mirando á política estatal.

E Rueda non desaproveitou a ocasión para lanzar os seus dardos contra o que considera o seu principal rival electoral: o presidente de goberno Pedro Sánchez. Comezou reivindicando o labor do seu goberno ante a crise dos pellets nas costas galegas: “veño de reunirme cos responsables das respectivas confrarías do mar e amosáronme a súa indignación ante os persistentes ataques do goberno central nestes días. Non imos tolerar agravios. Aquí hai un goberno que defende os intereses de Galicia” foi o mantra constante que lanzaron Rueda e os seus concelleiro/as durantes as súas respectivas intervencións. O presidente galego avaliou a seriedade da xestión por riba das palabras e das promesas establecendo un símil comparativo: “afortunadamente este (o da Xunta) non é un goberno de Pedro Sánchez”.

“Non imos tolerar agravios. Aquí hai un goberno que defende os intereses de Galicia”

Así pasou a eloxiar as medidas impulsadas dende a Xunta como o Bono Deporte, a educación infantil gratuíta entre 0-3 anos “que o goberno de Sánchez parece que non coñece aínda que aquí leva aplicado dous anos e imos para o terceiro”, unha Sanidade Pública galega que “é a mellor de Europa” e o ser a primeira Comunidade Autónoma en aprobar os Orzamentos 2024. Con estas credenciais, Rueda aproveitou a ocasión para anunciar unha das súas prioridades en caso de alcanzar a vitoria electoral que lle permita continuar ao fronte da Xunta: “a primeira matrícula universitaria será gratuíta para todos os alumnos de grao, en todos os cursos. Se os galegos nos volven a dar a súa confianza, o noso sistema educativo público será totalmente gratuíto dende a escola infantil ata os estudos superiores”. Tamén defendeu axudas para garantir a Formación Profesional.

Unha boa parte do discurso de Rueda estivo dirixido contra o goberno de Sánchez. Un dos máis sinalados foi o ministro de Transporte e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, a quen criticou por “ser moi activo nas redes sociais” pero “coñecer pouco de Galicia”. O BNG tampouco se salvou das súas críticas: “é indignante pedir a liberdade de presos que asasinaron a galegos”, en referencia aos seus apoios a Bildu nas demandas de liberación de presos de ETA.

En Vigo, cidade electoral estratéxica para o PPdeG, Rueda abriu a veda deste 18F coa intención de alcanzar unha quinta maioría absoluta para os ‘populares’ amparándose nos lemas desta campaña electoral: “Galicia Non Para!” tendo na súa man un “Equipo que Rueda”.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.