Rotundo éxito do intercambio Erasmus+ entre o colexio de La Inmaculada (Ponteareas) e a Escola Europea II de Bruxelas

O título do proxecto é "Vivir na Terra con sabedoría: de Ponteareas a Bruxelas"

Ponteareas | “Vivir na Terra con sabedoría: de Ponteareas a Bruxelas” é o título do proxecto que veñen de experimentar o alumnado de 4º de ESO do colexio plurilingüe “La Inmaculada” de Ponteareas e os nenos e nenas do mesmo nivel da “Escola Europea II” de Bruxelas.

Comezaron hai uns meses coa idea do intercambio, profesoras de ambos centros que se coñeceron o curso pasado precisamente tamén nunha experiencia Erasmus, pero daquela para profesoras. Despois de darlle moitas voltas e de dedicarlle moito tempo, o proxecto foi presentado no mes de outubro e aceptado uns meses máis tarde.

Este tipo de becas KA-210-SCH, está pensado para asociacións a pequena escala, é dicir, dous colexios que se poñen de acordo nunha serie de obxectivos. No caso destes dous centros se creou e desenvolveu unha asociación entre 2 escolas que traballan para a formación integral do alumnado en localidades tan diferentes como Ponteareas e Bruxelas.

Os piares fundamentais foron: o coñecemento e protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático en ecosistemas diferentes ao propio; a eliminación da brecha cultural, interxeracional e social; a identidade, cidadanía e valores europeos e o coñecemento e defensa do patrimonio cultural.

Tamén resultou de gran importancia o feito de que os alumnos de Ponteareas puidesen practicar o francés e o inglés na súa viaxe a Bélxica, e ao mesmo tempo o alumnado belga, estudante de castelá, puidese facer o mesmo ao interactuar cos nosos rapaces. As competencias clave e o seu desenvolvemento tamén foron obxectivos neste intercambio escolar. O proxecto foi presentado en inglés polo centro coordinador de Bruxelas.

Para empezar a coñecerse, o alumnado de ambos centros realizou varias conexións a través da plataforma eTwinning. Esta rede de cooperación queda establecida para futuros encontros. Tamén realizaron traballos en común sobre a poesía de Antonio Machado, o camiño de Santiago e os obxectivos de desenvolvemento sostible.

Os centros participantes están interesado en seguir na mesma liña en cursos vindeiros
Durante o mes de abril os nenos e nenas de La Inmaculada estiveron 7 días en Bélxica e puideron coñecer en persoa ao alumnado belga do intercambio. Recibiunos o Conselleiro de Educación de España en Bruxelas, e o Secretario Xeral das Escolas Europeas, asistiron a unha charla sobre medio ambiente no EBB, coñeceron a costa belga e o seu ecosistema, o museo de Arte e Historia, os Invernadoiros Reais, o Atomium, a Casa de Europa, o Museo Africano, e os lugares máis emblemáticos de Bruxelas. Tamén se desprazaron ata Bruxas e Gante. Foi unha experiencia moi emocionante e beneficiosa para os rapaces.

No mes de maio o grupo belga foi recibido en Ponteareas. Sempre en compañía do alumnado ponteareá, prepararon o material e confeccionaron unha alfombra tal e como facemos en Corpus, visitaron o Parque Nacional das Illas Atlánticas onde tiveron unha charla sobre o seu ecosistema, probaron as augas termais de Mondariz Balneario e das termas de Outariz, percorreron o canón do Sil e as beiras do río Tea, coñeceron o Museo do Pobo Galego e a cidade de Santiago e estiveron no Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil.

Tamén foron recibidos pola alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández no salón de plenos do concello. Nun restaurante da zona puideron degustar pratos típicos de Galicia dos que deron boa conta.

Toda esta experiencia darase a coñecer nunha revista e un blog nas vindeiras semanas.
O profesorado que interveu neste proxecto está moi satisfeito coa experiencia e ten moi clara a importancia do mesmo. Está interesado en seguir na mesma liña en cursos vindeiros.