Rotundo éxito da XXXI Festa da Lamprea Seca en Arbo

Celebrada do 7 ao 9 de agosto superando todas as expectativas

Arbo | Arbo clausurou cun rotundo éxito a trixésima primeira edición da Festa da Lamprea Seca, declarada de Interese Turístico e celebrada durante os días 7, 8 e 9 de agosto. O evento superou todas as expectativas coa venda total de todas as racións de lamprea seca preparadas nas súas tres modalidades tradicionais: rechea, asada e en empanada.

Durante as tres xornadas, veciños e visitantes desfrutaron dun ambiente inmellorable marcado polas condicións meteorolóxicas favorables, unha contorna idílica e unha programación que completaron a oferta festiva.

Como maridaxe perfecta para este manxar, o evento contou coa participación de cinco adegas locais: Miguel Viticultor, Eidonovo, As Laxas, Eidosela e Pazo Pondal, cuxas referencias acompañaron as degustacións gastronómicas durante toda a fin de semana.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, quixo destacar a transcendencia deste evento para o municipio: “A Festa da Lamprea Seca é moito máis que unha celebración gastronómica. É unha manifestación cultural que conecta ás persoas coas súas raíces, promovendo a gastronomía, a música e as tradicións que nos representan e fortalecen como comunidade”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.