Rodrigo Iglesias, novo director da Banda de Música Xuvenil de Xinzo

En xaneiro, a entidade abrirá probas para a elección definitiva de director

Ponteareas | Ante a marcha do ata agora director da Banda de Música de Xinzo Javier Blanco por motivos profesionais, a agrupación ponteareana ten xa novo director. Trátase do vigués Rodrigo Iglesias, quen tomará a batuta da banda ata, como mínimo, finais deste ano. En xaneiro, a Banda de Xinzo abrirá probas para a elección definitiva de director.

Rodrigo Iglesias (Vigo, 1994) conta cun destacado currículo, pois, tras comezar os seus estudos musicais en Valladares, continuou a súa formación como trompetista no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, onde obtivo o premio de Fin de Grao. Pero non sería este o único, pois ao finalizar en 2018 o grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Vigo, volveu ser recoñecido cun galardón similar, o Premio Extraordinario de Fin de Grao Superior.

A isto, súmase o seu paso por orquestras tan importantes como a Orquestra Joven da Sinfónica de Galicia ou a Orquestra Joven Leonesa, así como a súa colaboración aínda a día de hoxe noutras como a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra Sinfónica de Extremadura. Ademais, traballa como profesor de trompeta en varias escolas de música.

A partir de agora, á súa traxectoria engádese o poñerse a cargo da agrupación pontareana. “Síntome moi agradecido e entusiasmado por esta oportunidade de dirixir a Banda de Música Xuvenil de Xinzo”, asegura Rodrigo, para quen é “un pracer tomar a batuta dunha agrupación que conta cun gran nivel e unha traxectoria impecable”. Co seu novo director ao mando, a Banda de Xinzo céntrase xa na próxima gran cita: o concerto anual en honra a Santa Icía, que terá lugar a finais de novembro.