Roberto Mera gaña o Premio Losada Diéguez 2022 de Investigación

Pola súa obra sobre o seu tío bisavó Alejandro Viana

Vigo | O libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, do avogado e politólogo de Ponteareas Roberto Mera Covas, publicado por Belagua Ediciones, recibiu este sábado o premio Antón Losada Diéguez, na súa 37ª edición, na categoría de Investigación e Ensaio.

Coa publicación deste libro, Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, “un home íntegro e entregado aos demais”, que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.

O libro é, en palabras do seu autor, “un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio”.

Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, estanse celebrando numerosas presentacións do libro por toda Galicia, e a propia editorial Belagua publicará en breve a tradución ao castelán.

O premio Antón Losada Diéguez 2022 supón o ramo na procura do recoñecemento a unha vida de entrega aos demais, sempre fiel aos valores republicanos.