Riós (Ourense) aposta por contornas máis respectuosas cos valores culturais

Ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta de Galicia

Riós | A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, felicitou aos responsables do Concello de Riós por executar unha actuación urbana respectuosa cos valores culturais da contorna na que se asenta, ao tempo que mellora a accesibilidade deste espazo para o uso por parte dos veciños.

A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá as obras executadas na praza da parroquia de San Miguel de Progo, ao carón da igrexa –un edificio incluído no catálogo de bens culturais-, coas que se creou un novo espazo para o uso público; “un exemplo da capacidade de transformar unha debilidade nunha fortaleza”, subliñou Ángeles Vázquez.

Salientou que esta actuación foi executada ao abeiro do Plan Hurbe, un programa que naceu para dar resposta á necesidade de avanzar na humanización e mellora das vilas de Galicia, mediante a cooperación entre a Xunta e os concellos. Neste caso concreto, a Xunta achegou case 67.500 euros (un 70% do orzamento total) e o Concello o 30% restante (28.913 euros) do orzamento investido e necesario, que se elevou a 96.377 euros.

“A Xunta achegou case 67.500 euros (un 70% do orzamento total) e o Concello o 30% restante (28.913 euros) do orzamento investido e necesario, que se elevou a 96.377 euros”

Ángeles Vázquez destacou que esta mellora é unha actuación cun marcado carácter sustentable, pois para a execución dos traballos recuperouse a pedra existente entre os cascallos das edificacións en ruínas que se empregou, finalmente, na construción dos muros; así como as lousas, que agora definen o trazado que ocupaban os muros.

Defendeu que a colaboración entre administracións, como a establecida co Concello de Riós, son unha garantía para preservar e mellorar as contornas urbanas, coas que ofrecer espazos dinámicos para os veciños e puntos de atractivo para os que visitan as vilas de Galicia.

Vázquez Mejuto engadiu que a posta en valor polo patrimonio urbano dos concellos é unha das máximas do Plan Hurbe, posto en marcha no ano 2010 polo Goberno galego e co que xa se mobilizaron máis de 150 millóns de euros.

A conselleira de Medio Ambiente felicitou ao alcalde, Francisco Armando Veiga, por poñerse ao fronte para abordar actuacións que melloren as contornas públicas e faciliten vivenda pública aos veciños.

Nese senso, o alcalde agradeceu a colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que vén de conceder unha axuda de 79.060 euros ao abeiro do programa de rehabilitación de vivendas de titularidade pública para a recuperación dun edifico no que construír dúas vivendas. Ambos coincidiron en que este tipo de proxectos son medidas e ferramentas coas que conseguir dinamizar o rural de Galicia.