Ribadumia | Este vindeiro Domingo 26 de setembro celébrase a XIV Edición do proxecto Móllate polos Ríos. Nel participarán mais de 65 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…).
Este proxecto mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos dos 51 Concellos participantes de toda Galicia para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.
No Concello de Ribadumia, o punto de encontro será en Pontearnelas, debaixo da ponte nova ás 11:00 da mañá. A coordinación será realizada pola Asociación Colectivo Ecoloxista do Salnés, coa colaboración do Concello de Ribadumia.
Poderá participar calquera persoa que queira achegarse e colaborar, no caso dos menores deberán ir acompañados dun adulto. Os/as voluntarios/as serán agasallados cunhas camisolas co lema da limpeza.
Recoméndaselles aos voluntarios que veñan provistos con luvas e, se é posible, botas de auga.
Este Proxecto Ríos é un programa que ten como finalidade dar a coñecer o importante papel dos recursos fluviais, amosar as súas problemáticas e fomentar iniciativas que permitan o mantemento e mellora dos ríos.
No Concello de Ribadumia sentímonos moi orgullosos da riqueza do ecosistema natural do río Umia e queremos fomentar a participación veciñal nesta iniciativa que pretende a conservación dun entorno tan vital para a nosa comunidade.
Mantemento dos campos de fútbol
O Concello de Ribadumia está a realizar os traballos de mantemento periódicos dos campos artificiais do Umia CF e do CD Ribadumia.
Así, mediante estas labores, vanse descompactando e reenchendo de caucho os mesmos, co cal se consegue que estean en perfecto estado.
Estas actuacións reflexan o compromiso da Corporación de manter en plenas condicións de uso as instalacións deportivas municipais para o desfrute dos usuarios coincidindo co inicio da Tempada da Liga.