Ribadumia prepárase para a XLVIII Festa do viño tinto do Salnés

Coas actuacións das agrupacións D´Vacas e Bon appétit

Ribadumia | O Concello de Ribadumia informa que este ano a XLVIII Festa do viño tinto do Salnés e Exaltación das variedades autóctonas terá unha celebración diferente ás últimas que lembramos, pero si terá a esencia e achegará ó municipio un pouco de alegría despois de tantos meses de pandemia.

Deste xeito, o sábado día 5 contaremos coa actuación de D´Vacas ás 20 horas, e o domingo día 6 contaremos coa actuación infantil Bon appétit ás 18 horas, ambas na Carballeira de Barrantes.

A agrupación D’Vacas actuará o sábado 5 de xuño

Debido ás medidas sanitarias actuais é preciso realizar unha inscrición previa no caso de ambas as dúas actuacións; esta será nas oficinas municipais dende hoxe ata o próximo 2 de xuño, en horario de 8 a 15 horas ou no teléfono 986718491/99.

A maiores disto, xa se poden inscribir tamén todos aqueles establecementos que queiran participar na II edición do Concurso de escaparates con motivo da Festa do Tinto do Concello de Ribadumia, o cal pretende axudar a dinamizar, fomentar e impulsar a promoción do comercio local, así como incentivar a modernización e mellora de escaparates promovendo a creatividade dos establecementos a decorar os escaparates coa temática da festa.

O prazo de inscrición estará aberto ata o próximo 2 de xuño e o premio ó “mellor escaparate” será premiado con 100€.