Ribadumia mellorará a eficiencia enerxética das súas instalacións deportivas

No campo municipal da Bouza e do pavillón municipal de Barrantes

Ribadumia | O Concello de Ribadumia solicitou unha subvención da Xunta de Galicia para mellorar a eficiencia enerxética do campo de fútbol municipal da Bouza e do polideportivo municipal de Barrantes, a través do proxecto ‘Mellora da eficiencia enerxética de instalacións de iluminación na instalación deportiva de Barrantes’ pertencente ao Fondo de Compensación Ambiental do ano 2022 destinado a entidades locais de Galicia.

A substitución da instalación de alumeado proxectarase e executarase para renovar, mellorar e adecuar o rendemento enerxético e reducir o consumo de enerxía eléctrica, incluso tamén mellorando as condicións de iluminación dos dous recintos, cun investimento total de 34.469,13€, dos cales a Xunta achegará o 74,2% (25.575,30€) e o Concello un total de 8.893,83€ das súas arcas municipais.

Tanto no campo de fútbol coma no polideportivo, preténdese substituír os proxectores de haloxenuros metálicos existentes por luminarias de LED con maior rendemento, menor consumo e maior vida útil. No caso do campo de fútbol, actualmente existen cinco torres de iluminación arredor deste espazo que non alumean de forma uniforme, polo que isto será aproveitado para levar a cabo este proxecto e conseguir que a luz sexa a mesma en todos os recunchos do campo.

Ademais da mellora na eficiencia enerxética co conseguinte aforro económico, o equipo de goberno de Ribadumia congratúlase da consecución desta axuda tan necesaria para mellorar a iluminación destas instalacións deportivas, tendo en conta que xa en 2 ocasións anteriores fora solicitada a través do mesmo Fondo de Cooperación Ambiental e do IDAE, sen que fose concedida.