Ribadumia impulsa axudas a autónomos e microempresas

Que conten con sede social e fiscal neste municipio pontevedrés

Ribadumia | O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou o 9 de agosto de 2021, a convocatoria das axudas municipais promovidas polo Concello, destinadas a autónomos, microempresas e pequenas empresas con sede social e fiscal no Concello de Ribadumia, que se atopen en difícil situación económica derivada da crise económica provocada polo COVID.

Tamén poderán solicitalas asociacións empresariais legalmente rexistradas e con sede no Concello de Ribadumia que adquiran, para uso dos seus asociados, material directamente relacionado coas medidas hixiénicas (máscaras, dispensadores de hidroxel e similares) e/ou de desinfeccións (virucidas autorizados, desinfectantes e similares) impostas por mor da pandemia do Covid-19 mediante disposición legal.

A través destas axudas preténdese establecer un conxunto de medidas que, de carácter extraordinario e a curto/medio prazo, favoreza a obtención de liquidez a autónomos, microempresas e pequenas empresas, con sede social e fiscal no Concello de Ribadumia, liquidez que necesitan para o normal desenvolvemento das súas actividades, coa obriga de reembolso no prazo que se acorde en cada caso.

Para a devolución das axudas establécese un período de carencia de ata o 31 de decembro de 2021. A partires desa data os beneficiarios dispoñen dun prazo máximo de ata tres anos para a devolución das cantidades entregadas, debendo indicar na súa solicitude o prazo que estimen necesario para a devolución, prazo que será aprobado pola Comisión de Valoración en función da cantidade económica outorgada.

O prazo de presentación de solicitudes, estará aberto dende o día 10 e ata o 29 de agosto de 2021.