Renovada a Aula Mentor en Salceda para 2023

Programa de formación aberta para maiores de 18 anos

Salceda de Caselas | O concello de Salceda renovou este mes por un ano máis o programa de formación aberta Aula Mentor dependente do Ministerio de Educación e Formación Profesional para maiores de 18 anos.

Este programa formativo aberto, coordinado dende a concellería de emprego e formación que dirixe a alcaldesa Verónica Tourón, conta dentro da súa ampla oferta cun catálogo de cursos que abranguen nos seus temarios contidos de diferentes áreas como a administración e xestión, comercio e marqueting, hostalería e turismo, informática e comunicacións, instalacións e mantemento, idiomas, servizos socioculturais á comunidade e ademais agora permite configurar un “itinerario formativo” propio para cada persoa.

Algúns cursos contan coa certificación do Ministerio de Educación, con validez oficial para puntuar en procesos de oposicións oficiais do eido da educación e da sanidade.
As principais novidades para esta anualidade son que o concello de Salceda pasa a ser un centro propio, non dependente coma aula auxiliar de Vigo, e contará con dous titores oficiais que forman parte do persoal técnico municipal. Da mesma maneira toda a tramitación de matrículas, altas e baixas do alumnado dentro do programa se realizarán tanto na OMIX, sita na Casa da Cultura Castelao, coma na aula física do CDL do Torrón onde se realizarán os exames.

Verónica Tourón alcaldesa e concelleira de emprego e formación: “É unha excelente nova que contemos un ano mais co Programa Aula Mentor que ofrece á veciñanza de Salceda un gran abano de posibilidades para poder formarse dunha forma flexible. O programa permitirá adquirir competencias profesionais básicas a aquelas persoas que queiran iniciarse na formación dalgunha área en concreto ou que estean interesadas en actualizar e perfeccionar os seus coñecementos nalgunha delas”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.