Rehabilitada a casa forestal da comunidade de montes de Santa María de Oia

O edificio acollerá un centro de interpretación da Serra da Groba

Oia | A comunidade de montes de Santa María de Oia vén de rematar os traballos de rehabilitación da casa forestal, edificio de grande valor patrimonial que, unha vez recuperado, funcionará como centro de interpretación da Serra da Groba.

Para celebralo, esta fin de semana organízase un acto institucional de inauguración destinado ás persoas comuneiras (de acceso só con convite) e dúas visitas guiadas abertas ao público nas que se mostrará o edificio e se fará un pequeno percorrido polo patrimonio situado na contorna.

As visitas guiadas desenvolveranse o domingo 30 de abril e luns 1 de maio ás 12.00 horas. Nelas percorrerase o interior do edificio, explicarase a súa historia e se fará un pequeno paseo ata o castro de Chavella para dar a coñecer os principais elementos patrimoniais e paisaxísticos da zona. Para participar cómpre apuntarse previamente chamando ao número de teléfono 677.78.32.96. Previamente, o sábado 29 pola mañá celebrarase o acto de inauguración, destinado aos comuneiros e comuneiras e de acceso con convite. Xa pola tarde (18.00h) haberá unha actuación musical de acceso libre ata completar aforo, e que estará a cargo do grupo Take it Easy.

Proxecto de rehabilitación da casa forestal
Nos anos 1909-1910 foi construída a primeira casa forestal de Galicia, quedando vinculada ás primeiras repoboacións do Estado na provincia de Pontevedra. A partir dos anos 60 comezou a súa decadencia ata case desaparecer para sempre polo abandono sufrido.

No ano 2016 a comunidade de montes de Santa María de Oia, propietaria do inmoble, aprobou por maioría en asemblea o proxecto de recuperación deste edificio tan coñecido en todo o concello e con tanta historia ás súas costas.

O proxecto consiste na rehabilitación dun conxunto de tres edificios onde o principal é a antiga vivenda do garda forestal. Esta será destinada a centro de interpretación da Serra da Groba, para a súa divulgación como espazo sensible de especial protección natural, patrimonial e paisaxística.