Regresa o Certame de Rondallas de Vigo

Este domingo 23 de xaneiro na Estación Marítima
A imaxe corresponde ao certame de Rondallas de 2017.

Vigo | Este domingo, día 23 de xaneiro, regresa unha das citas culturais con máis sona do sur da provincia: o Certame de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo. A Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, en colaboración coa Xunta de Galicia, organiza este ano a cuarta edición do evento que fará as delicias dos amantes das rondallas.

A música dos rondalleiros e rondalleiras volverá a soar, aínda que por cuestións de seguridade sanitaria non o fará no IFEVI senón na Estación Marítima de Vigo, ao aire libre e en pleno centro urbano da cidade.

“Estamos encantados de poder disfrutar de novo dunha xornada de música tradicional deste nivel”, apuntou o presidente da Federación, Serafín Rodríguez.

“Será un día de exhibición e un dos poucos días nos que estemos todos os rondalleiros tocando xuntos e ese é o noso obxectivo, non deixar que morra a tradición e mostrar o noso traballo”, continuou Rodríguez.

Serán 13 as agrupacións que se participarán este ano: catro de Mos (Torroso, Santa Eulalia de Mos, Santiaguiño de Guizán e Herville), dúas do Porriño (Pontellas e Santa Eulalia de Atios), dúas de Gondomar (Nosa Merced de Chaín e Vincios), unha de Nigrán (Santiago de Parada), unha de Tui (Pexegueiro) e tres de Vigo (Valladares, Beade e Helios de Bembrive).

O evento desenvolverase cumprindo rigurosamente os protocolos sanitarios e entre estrictas medidas de seguridade.

As agrupacións actuarán en dúas quendas, de 11 h a 13h e de 16h a 17:40h.

Dende a organización advirten que, co fin de garantir a seguridade sanitaria e dado que o aforo é limitado (1000 persoas), as portas do recinto abriranse unha hora antes do comezo de cada quenda e as cadeiras ocuparanse por orde de chegada.