Regresa a cultura urbana para a mocidade en Mos

Os próximos días 23 e 24 de xullo

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Mocidade, Leo Costas, presentaron hoxe no skatepark de San Rafael (Pereiras) unha nova edición do Festival DEMOSTRA.

Mos volve organizar unha das súas mellores iniciativas xuvenís. O concello de Mos, xunto á Xunta de Galicia, retoman a organización do Festival de Cultura Urbana “DEMOSTRA” na súa nova edición este 2022.

Os próximos días 23 e 24 de xullo, nas novas instalacións do skatepark de Pereiras celebrarase, con entrada gratuíta, a 3º edición do Festival DEMOSTRA, cuxo cartel expón: talleres, competicións e exhibicións das principais disciplinas da arte e o deporte urbano, tales como Skate, Bmx, Scooter, Pumptrack e Grafitis, entre outros.

A música tamén terá un gran protagonismo este ano coa celebración de “Demostra Afterparty”, a noite do sábado 23 de Julio desde as 22:00 ata as 04:00 horas. O seu cartel esta formado polos djs locais “Samu Pexe”, “Dj Peblo” e “Fergwell” ou o colectivo de raperos vigueses “Xesto Feo Rap”.

Desde a organización do festival declaran que tras un traballo de moitos meses ás súas costas, conseguiron non só a vinculación das principais entidades públicas para mellorar un novo e incrible skatepark, senón tamén o apoio de moitas asociacións e empresas privadas ligadas directamente ao mundo da cultura urbana, como WoodTown, Novalbos, Asoc. Vella Escola Cultura Urbana e Barrier Skate School, como exemplo da melloras constantes para facer da iniciativa que comezou no ano 2018 en todo un referente na zona sur de Pontevedra.

Así mesmo, a organización anima a todos os fanáticos da cultura urbana a inscribirse nas competicións de Skate, Bmx, Scooter e Pumptrack nas súas dúas categorías (Avanzado e Amateur) a través dun formulario situado nas súas redes sociais oficiais: @festivaldemostra (Instagram e Facebook)