
Tui | A Deputación destinou preto de 1,1 millóns de euros á primeira fase da reforma da rúa Augusto González Besada e do paseo da Corredera en Tui. Ao detalle, a institución provincial dirixiu preto de 800.000 euros do Plan PON2030 e 260.000 euros do Plan +Provincia para esta reforma urbana, o que supón o 91% dos custes desta actuación que ascendeu aos preto de 1,2 millóns de euros e se acaba de inaugurar en Tui coa presenza do deputado Pablo Castillo.
“Cando un observa a capacidade dos recursos públicos para construír espazos para as persoas, onde poidan ser protagonistas e gozar dunha mellor calidade de vida, non podemos máis que sentirnos felices e orgullosos. Desde logo, esta primeira fase de mellora da rúa Augusto González Besada e do paseo da Corredera é un bo exemplo disto”, asegurou o deputado. Castillo aproveitou a ocasión para remarcar que “somos un goberno municipalista. Apostamos polos concellos e estamos investindo recursos, como nunca antes se fixera na Deputación de Pontevedra, en todos e cada un dos 61 municipios que conforman a provincia”.
A actuación na rúa Augusto González Besada, un dos accesos ao centro histórico de Tui, contaba cun espazo escaso para os peóns. A través da reforma, creouse unha plataforma compartida con preferencia peonil que mellorou a accesibilidade en toda a rúa, facéndoa máis atractiva e cómoda para camiñar. Ademais, redistribuíronse os espazos, intercalando áreas de estacionamento con zonas de estancia con árbores.
As obras prolongáronse ata a rúa transversal de Rosa Bahamonde, coa ampliación de beirarrúas e a redución do ancho da calzada, e ata o tramo sur e lado oeste do paseo da Corredera, dotándoa de homoxeneidade coa substitución do pavimento adoquinado, que marcaba o espazo destinado a aparcadoiro, por lousa de granito.




