Redactase o proxecto para acondicionar estrada entre Ourense e Norte de Portugal

Cun investimento de arredor de 10M€ e fondos europeos

Ourense | O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo unha reunión, por videoconferencia, co presidente da Câmara Municipal de Arcos de Valdevez, Joao Manuel Esteves, para abordar o proxecto que está a impulsar a Xunta para o acondicionamento da estrada autonómica OU-540, entre Celanova e a fronteira portuguesa.

O delegado territorial explicou que o Goberno galego está coa redacción do proxecto construtivo desta infraestrutura “fundamental” para as comunicacións entre a provincia de Ourense e o norte de Portugal. Gabriel Alén incidiu en que este proxecto da Xunta suporá a mellora cualitativa para os case 7.000 veciños da Baixa Limia que diariamente percorren a estrada, cun volume de tráfico diario de entre 1.500 e 2.500 coches, e que se incrementa considerablemente no mes de agosto ata preto dos 4.000.

Así -continuou o delegado-, os residentes dos concellos de Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Muíños, Entrimo e Lobios estarán máis cerca da fronteira e, ao mesmo tempo, de Ourense pois, entre outras, mellorarase a capacidade da estrada, coa execución de terceiros carrís de adiantamento. A intervención suporá un investimento de arredor de 10 M€, para os que a Xunta xa ten solicitado fondos europeos do Plan de Recuperación.

“Así (…) os residentes dos concellos de Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Muíños, Entrimo e Lobios estarán máis cerca da fronteira e, ao mesmo tempo, de Ourense”

As actuacións, encamiñadas ao aumento da capacidade da estrada e mellora da seguridade viaria, consisten no reforzo do firme en todo o treito, a execución de cunetas de seguridade, incrementado o ancho útil da sección transversal, o despexe e limpeza das marxes da estrada para mellora da visibilidade e a renovación da sinalización horizontal e reforzo da sinalización vertical, sistemas de contención e balizamento.

Máis concretamente, dos 34 km que separan a saída da autovía en Celanova sur e a ponte de Lindoso, 8 disporán dun novo terceiro carril de adiantamento, o que unido aos terceiros carrís existentes, farán que 15 km, o 44% do percorrido, conten con terceiro carril de adiantamento. A isto hai que engadir a mellora do trazado, sumando 4 quilómetros e medio de rectificacións de curvas.