Récord de peregrinos na Oficina Municipal de Turismo de Tui

Con 229 provenientes de 13 países e 22 provincias que visitaron esta oficina o pasado fin de semana

Tui | Un total de 229 peregrinos e peregrinas pasaron durante a fin de semana, entre o venres 31 de marzo e o domingo 2 de abril, pola Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui. Esta cifra supón un incremento do 12,5% con respecto aos números do pasado ano.

Nestes días de inicio do período da Semana Santa achegáronse na procura de información a esta Oficina de Turismo tudense un total de 58 peregrinos e peregrinas internacionais procedentes de ata trece países de catro continentes. Pola súa banda, as 171 persoas españolas que estaban a realizar o Camiño e pasaron por este punto de información chegaron de 22 provincias distintas.

Estes datos reflicten unicamente unha tendencia de crecemento na presenza de peregrinos polos Camiños Portugueses que conflúen en Valença e Tui, pois unicamente unha porcentaxe menor achégase ata esta Oficina Municipal de Turismo. O Camiño Portugués destaca logo polo seu carácter multicultural como lugar de encontro de peregrinos de múltiples nacionalidades que comparten esta ruta, chea de historia, de patrimonio e de valores culturais e espirituais que caracterizan ao Camiño de Santiago.

Do desglose dos datos estatísticos podemos ver como os 58 peregrinos internacionais proceden dos seguintes países: No tocante aos peregrinos internacionais 14 proviñan de Portugal, 13 de Alemaña, 5 de M’éxico, 5 de Italia, 4 do Reino Unido, 4 de Brasil, e en menor número de Irlanda, República Checa, Dinamarca, Noruega, Puerto Rico, e Corea.

Mentres das 171 persoas de orixe nacional que realizaban o Camiño de Santiago 64 procedían de Madrid, 30 de Xaén, 12 de Toledo, 8 de Málaga, e en menor número chegaron tamén dende Cidade Real, Guadalaxara, As Palmas, Ourense, Pontevedra, Sevilla, Albacete, Barcelona, Cádiz, Lugo, Salamanca, Sevilla, Tenerife, Murcia, Córdoba e Toledo.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes datos expresan como o Camiño Portugués é unha das principais fortalezas da oferta patrimonial, cultural e turística de Tui, e reclama de todos os sectores implicados unha aposta por incrementar a calidade dos nosos servicios.

Neste sentido o Concello ten logrado a certificación de calidade Sicted para a Oficina Municipal de Turismo, expresando o seu compromiso neste ámbito, que comparte con outros dez establecementos e servicios da nosa cidade que contan con esta distinción de calidade.

Teatro Principal recibirá fondos PIREP
O Concello de Tui recibirá do PIREP Local 772 mil euros para a rehabilitación do Teatro Principal. Este é un dos 181 edificios públicos que recibirán fondos europeos de recuperación NextGenerationEU do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) dentro da Liña 2 do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de titularidade local (Pirep Local) do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

En concreto o concello de Tui, segundo figura na resolución provisional, recibirá 772.293,00 €. O proxecto presentado polo Concello de Tui obtivo 64,25 puntos sobre 100, ocupando o posto 37 dos 181 subvencionados. As actuacións financiadas deberán ser solventes técnica e financeiramente e estar efectivamente implantadas e en funcionamento antes do 31 de marzo de 2026.