Récord de participación para celebrar a década da Urban Trail Night Eurocidade Tui-Valença

A carreira, que se celebrará este 28 de novembro, acollerá a 1.030 atletas

Tui | Todo preparado na Eurocidade Tui-Valença para recibir este sábado 28 ás 1.030 persoas que van participar nunha proba única que sorprende cada ano como é a Urban Trail Night Eurocidade, que celebrará a súa décima edición.

Hoxe o vereador de Desporto de Valença, Óscar Silva; o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; e os organizadores, Serafín Martínez e Justi Peixoto, deron a coñecer todos os detalles deste evento deportivo na Cámara Municipal de Valença.

O vereador de Desporto de Valença abriu a presentación esta mañá destacando que “a Urban Trail Night Eurocidade é unha das probas máis importantes do calendario da Eurocidade”, facendo fincapé na súa capacidade de “reflectir os valores dos dous municipios e dos dous países”.

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, quixo agradecer na súa intervención “a todas as persoas que traballan para facer realidade este evento, que este ano chega ás dez edicións con récord de participación”.

“A camiseta conmemorativa desta X edición ten como referencia o 800 aniversario da Consagración da Catedral de Tui”

Tomou despois a palabra o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen destacou o “único desta proba nocturna, que cruza unha ponte tan especial como a internacional e que o fai nun territorio que combina beleza paisaxística e patrimonio histórico”.

Serafín Martínez e Justi Peixoto, organizadores da carreira, salientaron na presentación que “esta é unha proba cunha personalidade propia, que seguirá medrando en vindeiras edicións”. Reflexionaron amais no feito de que “ningún ano houbo menos participación que o anterior”. Nesta décima edición, serán 1.030 as e os atletas que a realicen.

A saída terá lugar o sábado, ás 19.30 h ES, dende Valença, e tras un percorrido de 8kms ou 16 kms, a liña de meta estará situada no Paseo da Corredoira en Tui.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.