Reapertura do Centro Cívico da Devesa en Salceda

Grazas ao Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra

Salceda de Caselas | O edificio A Devesa, datado de 1962, loce desde esta tarde o seu renovado aspecto convertido no novo Centro Cívico do Concello de Salceda de Caselas, co impulso e os recursos da Deputación de Pontevedra.

As obras supuxeron un investimento de 674.000 euros da institución provincial, a través dos programas ReacPon (539.000 euros) e Plan Concellos (135.000 euros para sufragar o financiamento municipal).

A presidenta provincial Carmela Silva e a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, veñen de inaugurar o novo equipamento cultural do que se beneficiarán as arredor de 50 asociacións culturais, deportivas e sociais que existen na vila.

A adecuación do centro ás necesidades dos colectivos veciñais supuxo realizar obras no interior como unha nova distribución dos andares e da comunicación entre eles, con itinerarios accesibles en todas as dependencias e un ascensor, e renovación das instalacións térmicas.

A distribución queda do seguinte xeito: no andar baixo, un hall, un almacén, unha sala de xuntas, unha cafetaría, aseos, un auditorio e unha zona de exposición exterior; e, no primeiro andar, unha sala de xuntas, salas para o uso das asociacións e aseos.

No exterior, cambiouse a cuberta, reformáronse os canalóns e as baixantes, cambiouse a envolvente térmica, adecuouse o edificio para evitar o paso do radon (cunha barreira de protección e unha soleira ventilada que evita que o gas ascenda), a instalación dun sistema de paneis fotovoltaicos e expositores luminosos na fachada principal.