Reabriuse ao público o Museo do Ferrocarril de Galicia en Monforte

Coa presenza de Ethel Vázquez, titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta

Monforte de Lemos | Ethel Vázquez, titular de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no acto de reapertura ao público do Museo do Ferrocarril de Galicia, en Monforte de Lemos. A conselleira reiterou a demanda da Xunta ao Goberno de España para que programe e efectúe os investimentos necesarios para dotar Monforte de Lemos e toda a provincia de Lugo dun acceso real á alta velocidade ferroviaria.

“Unha vez que a chegada do AVE a Galicia se espera que entre en servizo a finais deste ano (…) a seguinte prioridade para a Xunta é a extensión desa liña de alta velocidade cara a Lugo, vía Monforte de Lemos”

Vázquez Mourelle explicou que, unha vez que a chegada do AVE a Galicia se espera que entre en servizo a finais deste ano, tras unha longa espera, a seguinte prioridade para a Xunta é a extensión desa liña de alta velocidade cara a Lugo, vía Monforte de Lemos.

Sinalou que, a pesar de que nos últimos tempos se teñen mobilizado recursos para mellorar as condicións da comunicación ferroviaria entre Lugo e Monforte con Ourense e Madrid, e de que existía un compromiso por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de que todas esas actuacións estivesen rematadas no ano 2021, a día de hoxe ningunha das obras relevantes está aínda iniciada.

Vázquez Mourelle trasladou, ademais, a preocupación da Xunta por que a última planificación de actuacións presentada polo Goberno de España na cidade de Monforte elimina o compromiso das variantes, que realmente farían competitiva a viaxe en tren.

Remarcou que o Goberno galego seguirá tamén a insistir para que a liña entre Monforte, Lugo e A Coruña pase a formar parte do trazado do Corredor Atlántico de Mercadorías e poder optar aos fondos extraordinarios de financiamento que destina a Unión Europea a esa rede prioritaria de transporte.

“Goberno galego seguirá tamén a insistir para que a liña entre Monforte, Lugo e A Coruña pase a formar parte do trazado do Corredor Atlántico de Mercadorías”

Lembrou que esta demanda xa foi aceptada pola Comisión do Arco Atlántico e está presentada ante as autoridades comunitarias, e agarda tamén poder contar co apoio do Goberno de España para que saia adiante.

“Precisamos a modernización da rede ferroviaria galega porque sabemos que dela depende a nosa competitividade, a nosa vertebración territorial e a nosa capacidade de progreso e calidade de vida”, incidiu, subliñando que o desenvolvemento económico e social de Monforte e de Galicia está, en gran medida, vencellado ao ferrocarril.

Ethel Vázquez puxo en valor o valioso patrimonio histórico, industrial e cultural que alberga o Museo do Ferrocarril de Galicia, que custodia “auténticas xoias” como a emblemática locomotora de vapor Mikado ou a maior rotonda ferroviaria de España, declarada Patrimonio Industrial Europeo. Recoñeceu, ademais, o traballo dos responsables deste museo por manter vivo ese espazo como centro de recuperación e restauración do patrimonio ferroviario, por divulgado con entusiasmo, sobre todo entre os máis novos, e por fomentar entre a sociedade o uso do transporte público como medio para asentar a mobilidade sostible, esencial no actual contexto climático.