Reabre o Museo Etnográfico Olimpio Liste en Oseira (Ourense)

Cedido durante 15 anos ao Concello de Cea

San Cristovo de Cea | A Deputación de Ourense posibilitará a reapertura do Museo Etnográfico Olimpio Liste, logo de que o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, asinara en Oseira un convenio de colaboración co alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, e coa propietaria deste complexo museístico, Araceli Mercedes Liste Fernández, para volver a abrilo ao público.

Manuel Baltar agradeceu a xenerosidade da familia Liste Fernández e sinalou que hoxe é “un día para presumir, porque bota a andar de novo unha marabillosa iniciativa que ten moito que ver coa nosa alma de pobo e coa nosa identidade”. O presidente provincial remarcou a responsabilidade da Deputación no futuro do Museo Olimpio Liste: “Como goberno provincial, temos a obriga de darlle toda a difusión posible, coidalo e mimalo, e que sexa coñecido para todos os que senten esa paixón por Ourense”.

Baltar aplaude a recuperación deste espazo, “patrimonio da humanidade e unha cita inesquecible da nosa provincia”. “Ao reabrir este museo estamos a facer unha homenaxe non só aos creadores desta marabilla, senón a todos aqueles que senten esa identidade enraizada co noso e coa terra, e este ambiente serve especialmente para vivilo”, destacou Manuel Baltar, que incidiu en como a Deputación de Ourense “tiña que comprometerse a abrilo, mantelo vivo no futuro e a darlle todo o pulo necesario porque, sen dúbida, estamos ante unha auténtica xoia”.

Impulso turístico
O alcalde de San Cristovo de Cea dixo que hoxe era “un día especial” para o municipio porque este convenio asinado a tres bandas “redunda nun beneficio para Cea, para a comarca do Carballiño, e incluso para a provincia de Ourense e de máis alá de Galicia, porque é o museo etnográfico número un da nosa comunidade autónoma”. Olimpio Liste e a súa dona estarían, segundo José Luis Valladares, “sumamente orgullosos de que a súa filla se preocupe e se ocupe de que este museo continúe para adiante”. O rexedor comprometeuse coa propietaria a que tanto o Concello como a Deputación de Ourense van a “fomentar, ampliar e promover este espazo museístico que é un orgullo para Cea e para Galicia”.

José Luis Valladares agradeceu ao presidente do goberno provincial a súa disposición e implicación para volver a abrir as portas deste museo e por apoiar a cultura e o turismo, sendo este último un dos eixos estratéxicos do municipio e que se ve reforzado con este museo que súmase á oferta de Cea xunto co Mosteiro de Oseira, o Pan de Cea ou as rutas de sendeirismo.

Araceli Mercedes Liste manifestou a súa felicidade por “reimpulsar a actividade do museo etnográfico Olimpio Liste, actividade interrompida durante nove longos anos, e que tralo falecemento dos meus pais parecía imposible reanudar”. A propietaria explica que seus pais “dedicaron boa parte da súa vida e do seu patrimonio a crear e facer crecer este museo, inaugurado no ano 1972, coa presenza de Olga Gallego Domínguez, Xaquín Lorenzo Fernández “Xocas”, e Xesús Ferro Couselo”. Araceli Mercedes Liste agradeceu ao alcalde e ao presidente da Deputación de Ourense a súa determinación para facer realidade que o museo reabra ao público outorgándolle “unha nova vida e facendo posible o seu renacemento”.

Mediante este convenio de colaboración, a propietaria cede durante 15 anos estes inmobles ao Concello de Cea, encargado de conservalos e xestionalos, mentres que a Deputación de Ourense comprométese a incluír nos orzamentos de 2022 e 2023, unha achega de 25.000 euros en cada exercicio, destinada aos gastos de funcionamento do museo. Este espazo museístico é froito do traballo de investigación de Olimpio Liste e a súa muller, Josefina Fernández. Creado en 1972, o matrimonio foi recompilando milleiros de obxectos que resumen a cultura tradicional galega a través de ferramentas, apeiros e outros obxectos da vida cotiá de Galicia.

Os concelleiros do BNG na corporación municipal presentaran, nunha sesión plenaria, unha moción para que o Concello de Cea xestionara a reapertura deste museo. Daquela, a moción foi rechazada polo equipo de goberno.

Outros artigos