• Segue conectado
  • |

A RAG estrea o concurso escolar “Contádenos o voso Día das Letras”

A institución difundirá os traballos dos centros de infantil e primaria que participen nesta iniciativa do proxecto web Primavera das Letras e sorteará entre eles lotes de libros

Día das letras

A Coruña | Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), o proxecto web da Real Academia Galega dirixido aos nenos e nenas de ata 12 anos, pon en marcha o certame “Contádenos o voso Día das Letras”, un novo espazo de participación aberto a todos os centros escolares de Galicia de infantil e primaria para que amosen como celebran o 17 de maio dedicado a Carlos Casares. As iniciativas que concursen serán compartidas en primaveradasletras.gal, onde xa están dispoñibles en aberto dezasete actividades interactivas, fichas didácticas e fichas para colorear arredor da vida e da obra de Casares.

Cada centro poderá participar co proxecto ou proxectos que desexe, tanto con aqueles que poidan implicar o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc. Os centros deben enviar a/s ligazón/s correspondentes á/s súa/s iniciativa/s ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal. Se non contan con páxina web ou blog, poden remitir o material a este mesmo enderezo electrónico.

O prazo de recepción permanecerá aberto durante toda a primavera, ata o vindeiro 21 de xuño de 2017. O sorteo de libros entre os participantes realizarase á volta das vacacións escolares do verán. As bases do concurso poden consultarse en http://primaveradasletras.gal/certame-contadenos-o-voso-dias-das-letras/.

Máis actividades interactivas

A través de Primavera das Letras, o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais e os propios nenos e nenas poden acceder a propostas didácticas para se mergullar no universo literario e vital do protagonista do Día das Letras Galegas. O proxecto web naceu en 2016 procurando un enfoque interdisciplinario que permita traballar non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística empregando como eixes a vida e a obra da persoa homenaxeada. Tras a estrea centrada en Manuel María, este ano Primavera das Letras reforza a oferta de actividades de carácter interactivo e ofrece unha ducia deste tipo.

A paixón polos trens do escritor; as paisaxes vitais e literarias de Xinzo de Limia, o Val Miñor ou Escandinavia; o mundo máxico d’O Principiño, obra que Carlos Casares verteu do francés ao galego e da que coleccionou moreas de traducións; as aventuras de Lolo anda en bicicleta e O Can Rin e o lobo Crispín ou a historia d’Un polbo xigante serven de fío condutor dalgunhas das doce actividades interactivas dispoñibles en primaveradasletras.gal. Tamén se ofrecen dous encrucillados sobre a vida de Carlos Casares, na que se profunda no apartado “Fichas didácticas”. A galiña azul e os demais títulos do autor dirixidos ao público infantil centran outra das propostas neste espazo, que ofrece ademais para os cativos e cativas de menor idade fichas para colorear distintos personaxes.

Publicado o 4 Mai 2017 en A Coruña, Portada.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies