“Queremos impulsar un 15M a nivel europeo”

Óscar Lomba Álvarez | Candidato ás Primarias para o Parlamento Europeo

Vigo | Enrolado nas “listas brancas” apoiado polo colectivo “Rexurdir PODEMOS Galicia”, Óscar Lomba Álvarez (Vigo, 1966) competirá co secretario xeral de PODEMOS Galicia Borja San Ramón Tizón por un posto nas listas electorais de cara ás vindeiras eleccións do Parlamento Europeo a celebrarse entre o 6 e o 9 de xuño.

Lomba Álvarez presentou a súa candidatura este 23 de febreiro en Vigo. As votacións para elixir ao representante para o Parlamento Europeo levaranse a cabo entre o 24 de xaneiro e o 2 de febreiro. Con el conversamos sobre a súa aposta e prioridades electorais.

Membro do Círculo de Podemos Vigo e da Comisión de Garantías Democráticas, Lomba é licenciado en Dereito, diplomado en Maxisterio e funcionario administrativo no SERGAS. Con anterioridade foi representante da Plataforma de Afectadas polas Hipotecas (PAH) e actualmente do Sindicato de Inquilinas de Vigo-Tui BM (Baixo Miño)

Preséntaste como candidato ás primarias para o Parlamento europeo. Que prioridades ten a túa candidatura, sobre todo tamén pensando nos intereses de Vigo ante as institucións europeas?
Decidín dar o paso porque pedíronmo algúns dos compañeiros e compañeiras que están na miña organización porque sabíamos que o actual secretario xeral e voceiro de PODEMOS Galicia (Borja San Ramón Tizón) ía tamén presentarse e consideraron que era convinte que eu tamén dera o paso. Marcamos como obxectivo conseguir entrar na lista que encabeza Irene Montero. O que ocorre é que ela decidiu facer o seu equipo e escolleu ás persoas que forman actualmente esa lista. No número 14 desas listas está Borja San Ramón Tizón, máximo responsable de PODEMOS Galicia. Conseguimos os avais necesarios e xa son oficialmente candidato.

O noso obxectivo central é apoiar políticas que defendan os intereses da maioría social, da clase traballadora e dos sectores populares perante o Parlamento Europeo. Cremos que é necesario que unha forza transformadora consiga levar adiante políticas inclusivas que defendan os intereses de sectores marxinados ou dos que non teñen representación.

Preocúpanos o tema da inmigración, da seguridade nos desprazamentos deses inmigrantes cara Europa. Tamén apostamos por iniciativas progresistas como un salario mínimo básico no conxunto da UE, o dereito á vivenda digna, servizos públicos, loita contra a discriminación, unha economía circular e sostible, repensar o modelo económibo baixo parámetros do decrecemento…E tamén artellar cos movementos sociais para que a sociedade civil poda reformular a Europa. Pretendemos así un “15M a nivel europeo”.

Europa necesita xogar un papel fundamental na escena internacional que non está xogando. Desde o conflito en Palestina, que tivo que ser un país como Sudáfrica que levase perante a Corte Penal Internacional aos responsables políticos e militares de Israel. Europa non desenvolveu unha política de presión perante as autoridades israelís. No tema de Ucraína tampouco xogou un papel acertado. Europa está levando a cabo unha estratexia moi seguidista dos intereses xeopolíticos dos EEUU e do imperialismo norteamericano, cousa que nós denunciamos.

“Europa necesita xogar un papel fundamental na escena internacional que non está xogando”

Respecto a Vigo e Galicia é fundamental a súa representación ante o Parlamento Europeo para defender os intereses dos sectores lácteo, pesqueiro e outros de carácter industrial e económico da nosa terra. Tamén defender os intereses metropolitanos da cidade como a mobilidade, o medio ambiente, a economía local, a seguridade no transporte marítimo de mercadorías.

Fálase do ascenso de partidos extremistas para esas eleccións parlamentarias e xa o estamos vendo en varios países europeos incluída España. A túa candidatura iría enrolada nunha especie de “fronte de esquerdas” no Parlamento Europeo para tentar atallar este auxe “ultra”?
Paréceme preocupante o avance de movementos racistas, autoritarios, xenófobos que defenden respostas fáciles ante problemas complexos; que observan o tema da inmigración como un problema que afecta aos intereses de determinada poboación privilexiada. Así están levando a cabo unha estratexia de manipulación de masas vía fake news nas redes sociais, particularmente de cara a sectores deprimidos da poboación en aspectos como as listas de espera na sanidade pública ou a seguridade cidadá.

“Ao fascismo combátese con dereitos e conformando alianzas amplas con organizacións da esquerda”

Isto aborda un dilema sobre cómo enfrontar eses movementos. Ao fascismo combátese con dereitos e conformando alianzas amplas con organizacións da esquerda. Por iso é necesaria a colaboración entre organizacións progresistas dentro do Parlamento Europeo. Todo depende da eficacia nas políticas que defenden os intereses da xente e que non podan ser utilizados por eses movementos para medrar politicamente. O problema real é a capacidade das administracións públicas para dar respostas aos retos e as necesidades da poboación en xeral.

A túa candidatura supón unha reconstrución ou reconversión do PODEMOS “orixinal”?
Preséntome na “lista branca” que inclúe a todas aquelas persoas que non están adscritas a candidatura algunha. A lista oficial é a que encabeza a compañeira Irene Montero. Outra cousa diferente é que hai un colectivo crítico en Galicia que se chama “Rexurdir PODEMOS Galicia”, que pretende conformar unha alternativa ás persoas que lideran a organización en Galicia; retomar os principios inspiradores do PODEMOS orixinal, o que foi o 15M, os movementos sociais de contestación ao bipartidismo, toda aquela efervescencia transformadora que naceu naquel momento.

E de aí naceron colectivos como a Plataforma de Afectadas polas Hipotecas (PAH), o Sindicato de Inquilinas e outros tantos movementos que foron xurdindo. Dende “Rexurdir Galicia” o que pretendemos é unha interconexión e unha retroalimentación constante entre a sociedade política e a sociedade civil.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.