
Ourense | A plataforma Queremos Galego chamou hoxe á participación masiva na manifestación nacional do vindeiro domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, baixo o lema “O galego, lingua vital”. A mobilización terá lugar ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela.
A entidade alerta da grave situación de emerxencia lingüística que atravesa o galego e reclama medidas urxentes para garantir o seu futuro. “O galego é a nosa lingua vital. Precisámolo para a existencia, o desenvolvemento e a cohesión social de Galiza”, sinalan desde a plataforma.
Segundo denuncian, os datos sociolingüísticos evidencian un retroceso continuado do uso do idioma, provocado pola falta de oferta e disposición en galego en numerosos ámbitos da vida pública e privada. A exclusión da lingua galega limita as posibilidades de uso, dificulta a incorporación de novas falantes e debilita a continuidade de quen xa a emprega.
Fronte a esta situación, Queremos Galego defende que a emerxencia lingüística “é reversíbel” se se impulsan políticas claras e compromisos reais por parte das institucións e da sociedade. Nese marco, centos de colectivos sociais agrupados na plataforma promoveron o protocolo Lingua Vital, un documento que recolle accións individuais, sociais e institucionais para reforzar a presenza do galego en todos os ámbitos.
A iniciativa pretende funcionar como “un verdadeiro pacto pola lingua”, aberto a todas as persoas, colectivos e institucións que consideren que “Galiza só ten futuro se a súa lingua ten futuro”. A plataforma fai un chamamento á cidadanía a participar na manifestación nacional deste domingo para defender o dereito a vivir plenamente en galego e reclamar políticas efectivas de normalización lingüística.




