Queixas polo mal estado do pavillón de deportes de Ribadumia

Somos Ribadumia denuncia falta de mantemento

Ribadumia/Somos Ribadumia | O mal estado das instalacións municipais, do que levamos falando toda a lexislatura, sigue sumando queixas e malestar entre a veciñanza.

Esta semana poñíase en contacto con nós un grupo de usuarios habituais do pavillón de Ribadumia, cansos de que o goberno local os ignore, porque a situación da cancha fai case imposible poder xogar un partido.

Ao desgaste polo uso e o mal mantemento hai que sumar os diversos proboelmaa de condensación e goteiras que encharcan o pavimento nos días de choiva e que o converten nunha perigosa pista de patinaxe.

Isto, tal como explica Oubiña, “ comprobámolo moi ben fai dúas semanas durante a celebración do AF7 Indoor , onde chegou un momento en que os nenos case non podían nin correr do resbaladiza que estaba a pista de xogo”. Polo que ao perigo para os deportistas, hai que sumar a pésima imaxe pública que se leva quen nos visita para este tipo de eventos.

Os problemas dese pavillón non son novos. Xa na lexislatura anterior, con Oubiña de tenente de alcalde, se habían feito actuacións de mellora que solucionaron a maior parte dos problemas.

Pero o paso do tempo, e non seguir con estas actuacións ata completar a solución dos problemas, acabaron por levar o estado do pavillón ao punto moito peor que o de partida, de tal xeito que os días de choiva os habituais desa instalación están optando por non facer uso del.

“David Castro debe estar agardando a que alguén rompa unha perna para actuar, ou igual a que a veciñanza lle colgue unha pancarta como pasou co punto limpo, pero é que a veciñanza non paga os seus impostos para que as instalacións estean abandonadas ou supoñan un perigo”. Os usuarios levan meses queixándose, no concello e tamén nas redes sociais, sen que ninguén se digne nin a resolver o problema nin a dar explicacións. Así que a desidia no mantemento das instalacións hai que sumar a falta de respecto pola veciñanza.

Pedimos a David Castro que de xeito inmediato xestione a reparación das deficiencias e actúe sobre o mantemento desa instalación municipal, así como do resto de edificios públicos, que están nun estado de abandono preocupante.