PSOE Ponteareas propón consulta cidadá sobre o novo Centro de Saúde

Técnicos da Xunta analizarán a parcela de ubicación en Aceiros do Tea

Ponteareas/PSdeG-PSOE | Ante a visita este vindeiro xoves 7 de abril dos técnicos da Xunta de Galicia ao Concello de Ponteareas para a análise da posible parcela onde se ubicará o novo centro de saúde, o Partido Socialista insistirá no estudo prioritario da parcela de Aceiros do Tea.

Dende o Partido Socialista pedirán á concellaría de Participación Cidadá que se faga unha enquisa rigorosa para que os veciños e veciñas de Ponteareas poidan manifestar onde quererían que se ubicase o novo Centro de Saúde. “Unha infraestrutura tan importante para os veciños e veciñas debe contar co seu parecer”, afirma Delfín Domínguez, Secretario Xeral do PSOE de Ponteareas.

O Partido Socialista recalca unha vez máis as vantaxes desta parcela que é gratuíta para as arcas municipais fronte a calquera outra que terá que ser sometida a un proceso de expropiación. A infraestrutura dun novo Centro de Saúde supón unha construción que perdurará durante moitos anos e polo tanto require que os terreos onde se vaia a instalar sexan o máis beneficiosos posibles para os veciños e veciñas de Ponteareas.

“Non podemos repetir o mesmo erro que fai case 40 anos cometeu Pepe Castro ofertando uns terreos alonxados do pobo, ao outro lado dunha Nacional e cunhas pendentes moi pronunciadas. A decisión unilateral tomada polo ex-alcalde de Ponteareas e criticada por todas as forzas políticas non pode ser un déjà vu que nos leve a pasar outros 40 anos lamentándonos”, afirma Delfín Domínguez.

A proposta socialista de ubicar o novo Centro de Saúde en Aceiros do Tea está fundamentada nos beneficios que traería para os veciños e veciñas non só de Ponteareas senón de toda a Comarca, que fan uso do Centro de Saúde.

Aceiros do Tea está ao carón da Estación de Autobuses o que permitiría unha mobilidade sostible así como a súa proximidade aos edificios administrativos de Facenda, Xulgados ou o propio Concello facilitaría o servizo que se presta aos cidadáns.

Un Centro de Saúde próximo á Vila eliminaría o tráfico das preto de once mil persoas que viven no centro e que actualmente empregan o seu vehículo particular para acudir ao centro de saúde. Así mesmo a súa proximidade á Nacional 120 sería adecuada para a entrada e saída de ambulancias.

Ponteareas precisa aproveitar cantas oportunidades teña para atraer xente ás nosas rúas. Polo Centro de Saúde pasan a diario moitas persoas que teñen que ter a facilidade tanto de acceso como de aparcamento como de servizos e isto é posible na parcela de Aceiros do Tea.