PSOE Ourense: “Jácome pretende contratar as festas de Nadal sen ter pagado o alumeado de 2023”

Os socialistas arremeten contra o Alcalde na sesión plenaria extraordinaria

Ourense | A edil do grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense María Fernández Ojea recriminou ao Alcalde Gonzalo Jácome, durante a sesión plenaria extraordinaria que tivo lugar esta mañá, que haxa un incremento na partida para o alumeamento de Nadal de case o 250% e que “aínda non teñan pagada a factura do ano pasado”.

Adiantándose a posibles terxiversacións do rexedor poñendo como exemplo como se goberna noutras cidades de Galicia nas que o bastón de mando pertence ao PSOE, a concelleira lembrou que Vigo ou A Coruña invisten moito máis que Ourense nestas festas, mais dispoñen de presupostos actualizados para elo.

“O executivo de Democracia Orensana ten no orzamento para gastar en luces de Nadal 128.000 euros, se tiran moito 234.000 euros, non máis. Non dispoñen dos 700.000 que pretenden gastar”, defendeu.

Nestas liña, e a raíz da información emitida dende o Concello de Ourense sobre que a institución pechará o exercicio cun remanente de Tesouraría de máis de 123 millóns de euros, a edil lembrou que esa contía “leva sendo prácticamente a mesma dende hai 10 anos” e preguntou cantas das modificacións de crédito levadas a pleno no 2023 se executaron se a cifra de remanente aumentou, segundo as contas ás que fixo referencia Gonzalo Pérez Jácome.

“Se temos 123 millóns de remanente, débeda cero, se somos tan solventes… Por qué non pagan as obras que fan? Por qué non pagan nin sequera as festas que organizan? Aínda non pagaron a Cabalgata de Reis do ano pasado e pretenden contratar outro alumeamento de Nadal”, incidiu na súa primeira quenda.

Puntualizou que todo se debe á nula capacidade de xestión do executivo local e a ausencia absoluta de vontade política posto que o das luces é o único expediente administrativo no que se solicita unha “fiscalización prioritaria” cando outros sobre servizos sociais agardan meses nos caixóns.

Adhesión a Xantar na Casa
Pola súa banda, a portavoz dos e das socialistas, Natalia González Benéitez, incidiu no desinterese polas persoas dependentes e en risco de exclusión que amosan dende Democracia Orensana ao tardar 5 meses en ofrecer unha alternativa aos e ás usuarias do servizo de Comedor sobre Rodas que agora pasarán a ser atendidas dentro do programa Xantar na Casa, da Xunta de Galicia. “Fulminou un programa que chegou a contar con máis de 300 persoas que querían seguir vivindo con independencia nas súas casas cunha atención personalizada e unha alimentación saudable”, explicou.

De novo a falta de planificación e empatía son, segundo a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense, as causas principais no que supuxo un recorte máis da carteira de Asuntos Sociais.

“Ademais, non supón ningunha mellora substancial porque as e os demandantes pasarán de ter unha entrega diaria no seu domicilio a unha única semanal para que se autoxestionen a comida durante 7 días”, subliñou sobre a perda dun aspecto fundamental como era a supervisión das e dos maiores que se levaba a cabo cando dependía da administración local.

Así mesmo, recordou que dende que gobernan, hai cinco anos, non puxeron en funcionamento programas para mellorar os servizos sociais dos e, pola contra, reduciron a conciliación e derivaron responsabilidades cara outras administracións por non querer responsabilizarse de competencias das que ata o de agora si asumía a institución local. “Non puxeron nada sobre a mesa para reforzar e investir na carteira de Asuntos Sociais”, inxeriu ao alcalde.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.