PSOE e BNG Salceda critican ao MS polas súas informacións sobre os plenos municipais

Emitiron comunicado conxunto

Salceda de Caselas/PSdeG-PSOE | Diante das últimas novas vertidas por Movemento Salceda, en relación ao pleno de organización, as Executivas Locais do PSdeG-PSOE e do BNG de Salceda de Caselas queremos puntualizar:

O contido das informacións deixa claro que é unha nota de parte (Agrupación de Electores MS), cun verniz xornalístico, na medida en que se fai amplas referencias a supostas posicións do PSOE e do BNG sen o máis mínimo rubor, cando non hai nada que sustente as afirmacións vertidas; coa agravante de que non se puxeron en contacto para contrastar as diferentes posicións políticas.

Así, fálase de “inxerencias” sobre a organización do goberno municipal, ignorando que a proposta de organización do goberno municipal é competencia da Alcaldía, que a somete ao Pleno. A periodicidade das sesións, a creación das comisións informativas permanentes, o nomeamento das representantes da Corporación nos órganos colexiados e a propia decisión da Alcaldía respecto dos nomeamentos que son da súa competencia (Tenencias de alcaldía, membros da comisión de goberno, presidencias das comisións informativas e as delegacións da alcaldía) foron tratados e aprobados -os que correspondía votar- no Pleno da Corporación do mes de xullo, isto é, dentro dos 30 días establecidos polo regulamento orgánico de funcionamento e demais lexislación.

Fálase de ruptura do pacto de investidura polo motivo anterior, cando o pacto de investidura, do que todos os medios de comunicación teñen copia, establece liñas programáticas a desenvolver polo goberno local, sen que nada teña a ver nin a organización do goberno nin as retribucións aos seus membros, dos que nada se incluíu nese acordo de investidura. Lembran tamén, ambas formacións, que non existen socios de investidura, senón un acordo para facilitala. É un atrevemento ou ignorancia dicir que “a situación de bloqueo deixou ao goberno de Salceda fora dos prazos legais para completar a organización”.

O máis lamentable é que se recolla soamente a posición do Partido Popular, precisamente o único grupo que se ausentou totalmente dos debates ao redor das retribucións do goberno local e doutros debates de organización nos dous plenos celebrados até agora.

No fondo, preténdese trasladar á opinión pública que as retribucións dos cargos do goberno local forman parte da organización municipal. Nada máis lonxe da realidade, como mostran os diferentes acordos que nestas datas se teñen acadado noutros concellos da área metropolitana, todos eles cos seus acordos de organización formalizados dentro do prazo legal dos 30 días, como é o caso de Salceda de Caselas.

Lamentamos que os cargos electos da Agrupación de Electores MS usen algún medio para cuestionar as posicións lexítimas do PSOE e do BNG, que neste caso, ambas inclúen a proposta de que o goberno local teña cinco persoas con dedicación a pesar de ser catro cargos electos.

Mágoa que ese esforzo non se adique a tentar acadar un acordo retributivo, que nin está tan lonxe nin é tan precario como se afirma polos membros do goberno, boa proba é o custe económico que representa por veciño ou veciña; cando comparamos as propostas que hai sobre a mesa vese que economicamente supera amplamente ás que resultan dos acordos doutros concellos da área, nos que se dá a mesma situación de goberno sen maioría.