PSdeG reclamou unha análise dos efectos do Brexit na flota galega

Pediu acelerar o Fondo Europeo de Compensación para os afectados

Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou unha análise dos efectos concretos da saída do Reino Unido da Unión Europa para a flota galega, ao tempo que urxiu a que se acelere o fondo europeo de compensación constituído como Fondo de Reserva de Axuste do Brexit.

Trátase, como explicou o líder socialista, de poñer en marcha mecanismos que axuden aos pescadores galegos que resulten afectados polas condicións pactadas para o Brexit.

Ao respecto, Gonzalo Caballero subliñou que “existe un consenso sobre que non se cumpriron os presaxios máis pesimistas” en torno aos posibles efectos do Brexit para a pesca, pero recalcou que cómpre paliar os prexuízos que se podan producir para a flota galega.

“Evidentemente, o Brexit implica cambios para as partes pero evitamos o escenario de non acadar acordo”, indicou o máximo dirixente do PSdeG, quen sinalou que tamén a flota británica tivo que ceder.

De feito, Gonzalo Caballero apuntou que as capturas que sofren unha maior caída non son as especies principais para a flota galega e que, por exemplo, no caso da merluza norte a cota española practicamente mantense cunha caída dun 1% co horizonte de 2026.

Contactos en Europa
Gonzalo Caballero está en contacto co grupo parlamentario socialista europeo, e especificamente co eurodeputado Nicolás González Casares e coa portavoz socialista europea Iratxe García, quen reclamou onte a Von der Leyen “celeridade” no uso do fondo de continxencia polo Brexit.

O PSdeG insta a todas as administracións públicas europea, española e galega a traballar coordinadamente en defensa dos intereses da flota galega e de facelo con rigor e seriedade, nunha liña de acción construtiva que busque melloras lonxe de declaracións demagóxicas sen base real.

“Algunhas declaracións feitas a medios carecen de rigor e consistencia, e a nosa prioridade é defender ao sector con seriedade e realismo e un firme compromiso. Esta é a forma tamén de defender ao sector pesqueiro galego”, concluíu o líder do PSdeG.