PSdeG-PSOE provincial amosa o seu apoio á alcaldesa do Porriño

Esixe que se respecte a vontade democrática da cidadanía
David Regades (dereita) durante un acto do PSdeG-PSOE de Pontevedra.

Pontevedra/PSdeG-PSOE | O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, expresa o seu apoio á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, diante dos comentarios que anuncian a posibilidade dunha moción de censura pola que unha forza política de esquerdas entregaría a Alcaldía “ao Partido Popular máis escuro, que é ese que acumula un historial negro neste tipo de operacións na provincia de Pontevedra”.

Regades subliña que a Democracia falou “alto e claro” nas Eleccións Municipais e outorgou unha maioría á esquerda e, dentro dela, á candidatura encabezada por Eva García de la Torre coas siglas do PSdeG-PSOE.

“Os partidos da esquerda na Corporación municipal deben facer esforzos para sumar e chegar a acordos nas cuestións de interese xeral e superar discrepancias personalistas de curto percorrido e que en nada benefician á veciñanza”, indica.

“Os partidos da esquerda na Corporación municipal deben facer esforzos para sumar e chegar a acordos nas cuestións de interese xeral”

No Porriño, continúa o responsable socialista provincial, están a madurarse proxectos tan importantes como o Centro de Servizos ao Transporte, o Centro Loxístico da Automoción, a Escola Infantil no polígono industrial ou o soterramento da vía do ferrocarril para que o paso a nivel do centro da localidade pase á historia.

“Estamos a vivir un momento en que todo isto, despois do tempo perdido durante a “etapa Rajoy”, atopa agora o apoio decidido do Goberno de España”. “Proxectos”, engade Regades, “aos que se suma a aposta pola humanización e a posta en valor de todo o centro urbano, os barrios e as parroquias que está a facer o Concello”.

David Regades remarca que condenar novamente ao Porriño a padecer “un PP de naftalina, cun pasado moi pouco reivindicable e que deixou a unha cidade tan importante do mapa da nosa provincia e de Galicia incapacitada para afrontar os seus retos, sería un erro imposible de perdoar”.

“Se algunha forza política de esquerdas convértese en colaboradora necesaria dese retroceso”, conclúe, “quedaría sinalada en tódolos escenarios da acción política”.

“Estou convencido de que o partido ao que pertence a vicepresidenta primeira do Goberno de España e deputada por esta provincia, Yolanda Díaz, non apoiará nin consentirá algo que suporía un retroceso tanto para O Porriño como para a democracia en xeral”.