PSdeG-PSOE: “O PP freou a chegada a Ourense da Alta Velocidade”

Reivindicou os “investimentos millonarios do Goberno de Pedro Sánchez” para transformar o ferrocarril ourensán

Ourense/PSdeG-PSOE | O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica a aposta sen precedentes do Goberno de Pedro Sánchez pola modernización ferroviaria da provincia, cunha batería de investimentos millonarios que están transformando as conexións, mellorando a seguridade e reforzando o papel de Ourense como nodo estratéxico da alta velocidade en Galicia. Fronte a un Partido Popular que, cando gobernaba, chegou a tapiar túneles e freou a chegada da alta velocidade, as e os socialistas destacan que “hoxe hai obras, investimentos e proxectos en marcha para saldar débedas históricas coa provincia”.

A candidatura socialista pon como exemplo máis destacado a Variante Exterior do AVE, unha infraestrutura estratéxica que conta cun investimento de 125,5 millóns de euros no tramo Taboadela-Seixalbo e que permitirá aumentar a capacidade ferroviaria, mellorar a fiabilidade das circulacións e reforzar a conexión con Madrid.

A candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, subliña que “hai unha diferenza moi clara entre o que fixo o PP cando gobernaba e o que está a facer o PSOE. Mentres os populares tapiaban túneles e poñían atrancos á chegada da alta velocidade, as e os socialistas estamos a investir, executar obras e modernizar o ferrocarril ourensán. Ourense necesita feitos e investimentos, non promesas nin escusas”.

Dacosta considera que a Variante Exterior representa unha das actuacións fundamentais para o futuro ferroviario da provincia e destaca que “os 125,5 millóns de euros destinados ao tramo Taboadela-Seixalbo son unha mostra do compromiso do Goberno de Pedro Sánchez. O PSOE non se limita a anunciar proxectos: mobiliza recursos e impulsa infraestruturas que van cambiar a capacidade e o funcionamento da rede ferroviaria”.

Unha nova variante con 7,9 quilómetros de plataforma, un túnel de 3,4 e grandez viadutos
A Variante Exterior contempla unha nova plataforma ferroviaria de aproximadamente 7,9 quilómetros nos dous subtramos actualmente desenvolvidos. O primeiro, entre Taboadela e o túnel de Rante, ten 5,6 quilómetros, mentres que o segundo, entre o túnel e a conexión con Seixalbo, alcanza os 2,3 quilómetros.

Entre as principais actuacións destaca o túnel de Rante, de 3,4 quilómetros, así como importantes estruturas como o viaduto sobre o río Mesón de Calvos e o viaduto de 356 metros sobre a OU-525 e o río Barbaña. A nova plataforma permitirá instalar unha dobre vía electrificada en ancho estándar, substituíndo o actual acceso ferroviario de vía única de tres fíos. Un cambio que permitirá incrementar a capacidade de circulación e mellorar a regularidade dos servizos.

En xuño de 2026 comunicouse a finalización da plataforma do tramo Taboadela-Túnel de Rante, mentres que a plataforma do tramo Túnel de Rante-Conexión Seixalbo xa estaba rematada. Agora cómpre completar actuacións fundamentais como a montaxe de vía, a electrificación, a sinalización, as comunicacións e as probas de seguridade.

Ourense precisa máis tren, mellores conexións e un ferrocarril á altura do que merecen os ourensáns e as ourensás
Pola súa banda, a candidata socialista ao Senado, María Fernández Ojea, pon o acento na importancia estratéxica desta infraestrutura para o conxunto da provincia e reivindica a necesidade de seguir avanzando ata completar a integración ferroviaria.

“Non estamos ante unha obra menor. Estamos a falar dun túnel de máis de tres quilómetros, de grandes viadutos e dunha nova plataforma ferroviaria que permitirá incorporar a dobre vía electrificada. É un investimento moi importante que terá consecuencias directas na capacidade e no funcionamento da alta velocidade”, afirma.

Fernández Ojea lembra que o trazado completo inicialmente previsto alcanza os 16,28 quilómetros e que a continuidade desde Seixalbo ata a estación de Ourense, cos subtramos restantes, continúa sendo unha cuestión pendente. “Celebramos os avances, pero non nos conformamos. O obxectivo ten que ser completar a Variante Exterior e garantir unha integración ferroviaria que responda ás necesidades reais de Ourense. Queremos máis capacidade, máis fiabilidade, mellores frecuencias e conexións á altura do que merece a nosa provincia”, engade.

Unha aposta ferroviaria que vai moito máis alá da Variante Exterior. Máis de 900 millóns en actuacións.
O PSdeG-PSOE destaca que a Variante Exterior forma parte dun conxunto moito máis amplo de investimentos do Goberno de España para modernizar as comunicacións ferroviarias da provincia, mellorar a seguridade e recuperar infraestruturas históricas.

Entre estas actuacións sobresae o futuro Centro de Control Ferroviario do Noroeste de España, cun investimento de 14,7 millóns de euros, actualmente en execución e próximo ao seu remate. O proxecto permitirá darlle unha nova vida á antiga estación ferroviaria de San Francisco, converténdoa nunha instalación estratéxica para a xestión e o control da rede ferroviaria do noroeste peninsular.

A esta actuación súmanse os 63 millóns de euros destinados á implantación do sistema ERTMS, que reforzará a seguridade na liña ferroviaria entre Ourense e Madrid; así como os 550 millóns previstos para a conexión e electrificación do ferrocarril convencional Lugo-Ourense-Monforte. Neste último proxecto xa se executaron varios tramos e actualmente está en redacción o correspondente a Monforte-Covas.

A modernización ferroviaria tamén chega á mobilidade urbana, con 2,1 millóns de euros para a ampliación dos pasos inferiores de Ramón Puga e Tarascón, unha intervención que permitirá mellorar a seguridade e os desprazamentos tanto de vehículos como de peóns. Ademais, destínanse outros 49 millóns de euros á renovación da liña ferroviaria Ourense-Vigo, unha actuación fundamental para modernizar as conexións e mellorar o servizo ferroviario entre ambas as cidades. Sen esquecer os 115 millóns de euros para a estación intermodal de Ourense.

Carmen Rodríguez Dacosta e María Fernández Ojea consideran que “este conxunto de actuacións demostra que o compromiso do PSOE con Ourense vai moito máis alá dunha infraestrutura concreta. Estamos falando de modernizar a alta velocidade, reforzar o tren convencional, mellorar a seguridade, recuperar a estación de San Francisco e investir tamén na mobilidade da propia cidade”.

A candidatura socialista conclúe que “fronte aos que no pasado tapiaban túneles e deixaban Ourense agardando pola alta velocidade, o PSOE está a poñer sobre a mesa investimentos e obras que preparan a provincia para o futuro. Ourense merece un ferrocarril moderno, seguro e con conexións de calidade. E o Goberno de Pedro Sánchez está a demostrar con feitos que aposta por esta provincia”.

Saneamento no Carballiño
O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica o compromiso do Goberno de España e do PSOE co Carballiño, cun investimento de case 1,4 millóns de euros para acometer a renovación integral da rúa Ourense, unha das actuacións máis importantes para a modernización das infraestruturas e dos espazos públicos da vila. Unha intervención impulsada e financiada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que permitiu transformar esta vía e solucionar problemas estruturais que viña padecendo desde había anos.

A candidatura socialista destaca que esta actuación demostra que o Goberno de Pedro Sánchez tamén está presente nos concellos ourensáns, impulsando investimentos que melloran os servizos públicos e repercuten directamente na vida diaria da veciñanza. “O compromiso con Ourense demóstrase con obras, investimentos e actuacións que melloran os concellos. No Carballiño temos un exemplo moi claro, unha intervención integral que non só cambiou a imaxe dunha rúa, senón que resolveu problemas importantes nas redes de saneamento e abastecemento”, destacan.

A candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, subliña que “o PSOE aposta polo Carballiño con investimentos que se traducen en melloras reais para a súa veciñanza. O Goberno de España, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, fixo posible unha actuación de gran dimensión que moderniza unha das principais entradas da vila e deixa unhas infraestruturas preparadas para o futuro”.

Dacosta considera que “fronte á política de anuncios e promesas, os socialistas defendemos unha política útil, que resolve problemas e transforma os municipios. Investir nos concellos é investir na calidade de vida da xente, e esta obra é unha boa mostra do compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa provincia de Ourense”.

A actuación contou cun investimento executado comunicado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil de aproximadamente 1,37 millóns de euros ao finalizar os traballos, en marzo de 2025. O convenio asinado en 2023 establecía un orzamento total inicialmente estimado de 1.753.388,50 euros, cunha achega prevista do 80 % por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, equivalente a 1.402.710,80 euros, e do 20 % por parte do Concello do Carballiño, con 350.677,70 euros.

Os traballos foron moito máis alá dunha mellora estética. Un dos obxectivos fundamentais foi solucionar os problemas das antigas canalizacións de augas residuais, que presentaban un estado deficiente e provocaban roturas e verteduras recorrentes. Para iso, renovouse integralmente a rede de saneamento e instalouse unha nova rede de pluviais para mellorar a evacuación da auga da chuvia. Tamén se substituíron as conducións de abastecemento, modernizáronse as instalacións eléctricas e o alumeado público e renováronse as infraestruturas de telecomunicacións.

En superficie, a intervención permitiu humanizar a rúa mediante a renovación dos pavimentos, a construción de novas beirarrúas de formigón impreso, a instalación de bancos e papeleiras, a incorporación de zonas axardinadas e unha nova iluminación. Ademais, reorganizouse a circulación, con dous carrís, un por sentido, e novas zonas de aparcadoiro en liña ou en batería diagonal segundo os distintos tramos.

A candidata socialista ao Senado, María Fernández Ojea, pon en valor a colaboración institucional entre o Goberno de España e o Concello do Carballiño para sacar adiante unha actuación destas características. “Esta obra é un exemplo de como a cooperación entre administracións permite conseguir resultados. O Goberno de España achegou os recursos necesarios para afrontar unha renovación moi importante, que mellora os servizos municipais e transforma un espazo fundamental para a mobilidade e a imaxe do Carballiño”, sinala.

Fernández Ojea destaca especialmente a importancia das actuacións que non sempre son visibles, pero que resultan fundamentais para o funcionamento dos municipios. “Cambiar as beirarrúas ou instalar novo mobiliario urbano é importante, pero tamén o é renovar as tubaxes, o saneamento e o abastecemento. Son investimentos que quizais non se ven todos os días, pero que evitan problemas, melloran os servizos e preparan a vila para os próximos anos”, afirma.

A candidata socialista engade que “o PSOE cre nos concellos e demóstrao colaborando cos gobernos locais para facer posibles proxectos que, pola súa dimensión económica, serían moito máis difíciles de afrontar en solitario. O Carballiño necesitaba esta transformación e o Goberno de España contribuíu decisivamente a facela realidade”.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que a renovación integral da rúa Ourense é unha mostra da importancia de contar cun Goberno central comprometido cos municipios, capaz de mobilizar investimentos e colaborar coas administracións locais para mellorar as infraestruturas e os servizos públicos.

A candidatura socialista conclúe que “o Carballiño gaña cando hai investimentos, cooperación institucional e gobernos que se preocupan por resolver os problemas da veciñanza. O PSOE aposta pola provincia de Ourense con feitos concretos, con obras que se rematan e con melloras que quedan para o futuro”.

En defensa do patrimonio cultural
O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica a aposta dos gobernos socialistas pola recuperación e modernización do patrimonio cultural da provincia, cun investimento conxunto de máis de 40,5 millóns de euros no Complexo Cultural de San Francisco e no Museo Arqueolóxico Provincial. Dúas grandes actuacións que exemplifican o compromiso do PSOE coa conservación da historia de Ourense, a protección da súa memoria colectiva e a creación de equipamentos culturais modernos, accesibles e ao servizo de toda a cidadanía.

A candidatura socialista destaca especialmente a transformación do antigo convento de San Francisco nun complexo cultural de referencia, cun investimento global de 23,8 millóns de euros, que permitiu recuperar o patrimonio histórico e darlle novos usos culturais e documentais. A actuación inclúe os 12 millóns de euros destinados á Biblioteca Pública Nós e os 11,8 millóns de euros investidos na rehabilitación do Claustro e do Arquivo Histórico Provincial.

A esta intervención súmase a rehabilitación integral do Museo Arqueolóxico Provincial, cun investimento previsto de 16.703.600 euros por parte do Ministerio de Cultura. Un proxecto de enorme dimensión que permitirá recuperar o edificio histórico, modernizar as instalacións e renovar completamente os espazos expositivos.

A candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, destaca que “o Goberno de Pedro Sánchez está demostrando con feitos que Ourense importa. Falamos de máis de 40,5 millóns de euros para recuperar patrimonio, modernizar equipamentos culturais e poñer a nosa historia ao servizo da cidadanía. Son investimentos que transforman espazos emblemáticos e que deixan un legado para as próximas xeracións”.

Dacosta subliña que “non podemos permitir que o patrimonio ourensán se deteriore ou quede esquecido. Necesitamos investimentos, proxectos e vontade política para recuperar os nosos edificios históricos e convertelos en espazos vivos, útiles e accesibles. Esa é a diferenza entre anunciar compromisos e apostar con recursos reais polo futuro de Ourense”.

San Francisco: 23,8 millóns para recuperar o patrimonio e dotar Ourense de novos equipamentos culturais
A candidatura socialista pon en valor a transformación do antigo convento de San Francisco nun complexo cultural que combina a recuperación do patrimonio histórico coa creación de infraestruturas públicas fundamentais para a cidade e para toda a provincia. A inversión conxunta da actuación ascendeu a 23,8 millóns de euros, distribuídos en dúas grandes intervencións: 12 millóns de euros para a Biblioteca Pública Nós e 11,8 millóns de euros para a rehabilitación do Claustro e do Arquivo Histórico Provincial.

Esta transformación permitiu recuperar un edificio emblemático e darlle unha nova vida vinculada á cultura, á lectura, á conservación documental e á divulgación da historia. O Arquivo Histórico Provincial custodia documentación de enorme interese para coñecer a evolución institucional, económica e social de Ourense, facilitando o acceso de investigadores e da cidadanía a fondos fundamentais para reconstruír a nosa historia. A actuación adquire tamén unha dimensión especial polo impulso á declaración da contorna como Lugar de Memoria, vinculando este espazo coa recuperación e divulgación da memoria democrática.

Carmen Rodríguez Dacosta considera que “San Francisco é un exemplo de como se debe entender a política cultural: recuperar o patrimonio, conservalo e poñelo ao servizo da sociedade. Non se trata unicamente de rehabilitar un edificio, senón de crear equipamentos públicos, facilitar o acceso á cultura e garantir que a nosa memoria documental e democrática estea protexida e accesible para as próximas xeracións”.

Pola súa banda, María Fernández Ojea, candidata socialista ao Senado, destaca que “os 23,8 millóns investidos en San Francisco representan unha aposta clara por Ourense. Recuperamos patrimonio histórico e convertémolo en servizos públicos culturais de primeiro nivel, como a Biblioteca Nós e o Arquivo Histórico Provincial. Son investimentos que melloran a cidade e benefician a toda a provincia”.

Máis de 16,7 millóns para devolver o museo arqueolóxico ao lugar que merece
Outra das grandes actuacións impulsadas polo Goberno de España é a rehabilitación integral do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, cun investimento total previsto de 16.703.600 euros por parte do Ministerio de Cultura, a través da súa Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos. O proxecto contempla tres grandes partidas: 546.375 euros para servizos e proxectos técnicos, 12.696.633 euros para as obras de rehabilitación arquitectónica e 3.460.592 euros para a renovación museográfica.

Trátase dunha intervención de gran dimensión, que abrangue unha superficie construída de 5.020,36 metros cadrados e contempla unha ampliación de 579,78 metros cadrados. Os traballos permitirán recuperar integralmente o edificio histórico, rehabilitar os espazos interiores, modernizar as instalacións e adaptalas ás necesidades de conservación das coleccións.

A actuación inclúe tamén unha renovación completa da museografía, coa modernización dos espazos expositivos, dos percorridos e das áreas de exposición, así como a incorporación de recursos que permitan ofrecer unha experiencia máis accesible e atractiva aos visitantes.

Para María Fernández Ojea, “estamos ante unha oportunidade extraordinaria para Ourense. O Museo Arqueolóxico é unha peza fundamental da nosa identidade e merece unhas instalacións á altura da riqueza histórica e arqueolóxica da provincia. O investimento de máis de 16,7 millóns permitirá recuperar o edificio e ofrecer un museo moderno, preparado para divulgar o noso patrimonio e atraer visitantes”.

Fernández Ojea engade que “a cultura tamén xera actividade económica, turismo e oportunidades. Recuperar o Museo Arqueolóxico é apostar por Ourense, pola súa historia e pola capacidade que ten o noso patrimonio para converterse nun motor de dinamización da cidade e do conxunto da provincia”.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que estas actuacións demostran a importancia de contar cun Goberno de España comprometido coa cultura pública e coa recuperación do patrimonio histórico. Máis de 40,5 millóns de euros que se traducen en edificios recuperados, novos equipamentos, mellores servizos culturais e máis oportunidades para a provincia.

“Fronte a quen deixa esmorecer o noso patrimonio, o PSOE aposta por recuperalo, investindo e poñéndoo ao servizo da xente. Porque conservar a nosa historia, protexer a nosa memoria e garantir o acceso á cultura tamén é construír o futuro de Ourense”, conclúe a candidatura socialista.

José Bono en Lobios
O PSdeG-PSOE celebrou este domingo un mitin electoral en Lobios, no Hotel Balneario de Riocaldo, no que participaron o voceiro socialista no municipio, Patrick Rodríguez; a candidata ao Senado, María Fernández Ojea; os candidatos ao Congreso, Brian Diz González e Carmen Rodríguez Dacosta; e o exministro de Defensa e expresidente de Castela-A Mancha, José Bono.

Durante o encontro, as e os socialistas fixeron un chamamento á mobilización electoral de cara ao próximo 29 de novembro para que Ourense siga avanzando en dereitos sociais, igualdade, pensións públicas, emprego, vivenda, educación, escudo social e investimentos. As e os participantes reivindicaron o traballo desenvolvido polo Goberno de España nos últimos anos e advertiron de que estas eleccións serán determinantes para decidir entre continuar avanzando ou abrir unha etapa de retrocesos sociais.

As intervencións coincidiron na importancia de concentrar o voto progresista na candidatura socialista, destacando que o PSdeG-PSOE está a só 750 votos de conseguir o segundo deputado pola provincia de Ourense e que é a única forza de esquerda con posibilidades reais de disputarlle ao Partido Popular o terceiro escano. Neste sentido, as e os candidatos advertiron de que votar por outras candidaturas de esquerda sen posibilidades de obter representación pode acabar favorecendo directamente ao PP e desperdiciando votos que son fundamentais para conseguir unha maioría progresista no Congreso.

Patrick Rodríguez reivindica o potencial de Lobios e da Baixa Limia
O voceiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, reivindicou durante o mitin o potencial turístico, termal, patrimonial e económico do municipio e defendeu a necesidade de aproveitar os recursos da Baixa Limia para xerar actividade económica, emprego e oportunidades.

Rodríguez destacou a importancia de impulsar un modelo de desenvolvemento que permita fixar poboación, mellorar os servizos públicos e garantir que a veciñanza poida desenvolver o seu proxecto de vida no municipio. Neste sentido, puxo en valor o potencial das termas de Riocaldo, o patrimonio natural e cultural e as posibilidades que ofrece o turismo como motor económico.

O voceiro socialista tamén incidiu na importancia de contar con investimentos e políticas públicas que contribúan a mellorar as comunicacións, os servizos e as oportunidades dos municipios rurais, reivindicando que Lobios e a Baixa Limia deben formar parte do futuro e do progreso da provincia.

Brian Diz González defende máis oportunidades para a mocidade
O candidato socialista ao Congreso, Brian Diz González, centrou a súa intervención na defensa das políticas destinadas á mocidade, da educación pública e das medidas de protección social que permiten garantir a igualdade de oportunidades.

Diz González reivindicou os avances impulsados polo Goberno de España en materia de bolsas, educación, emprego xuvenil e protección das familias, e destacou a importancia de que a situación económica non condicione o futuro das novas xeracións.

O candidato apelou á necesidade de seguir desenvolvendo políticas que permitan á mocidade acceder a unha formación de calidade, conseguir un emprego digno, emanciparse e acceder a unha vivenda, evitando que Ourense perda talento e que os mozos e mozas teñan que marchar da provincia por falta de oportunidades. “O futuro da mocidade non pode depender do peto das súas familias. Necesitamos políticas que garantan oportunidades reais para estudar, traballar, emanciparse e construír aquí o seu proxecto de vida”, destacou.

María Fernández Ojea chama á mobilización do voto socialista
A candidata ao Senado, María Fernández Ojea, realizou un chamamento á participación e á mobilización da cidadanía de cara ás eleccións do 29 de novembro, destacando que cada voto será determinante para decidir o futuro das políticas sociais e dos dereitos conquistados.

Fernández Ojea subliñou que Ourense ten unha oportunidade real de reforzar a representación socialista no Congreso e no Senado e insistiu na importancia de concentrar o voto progresista na candidatura do PSOE. “Estamos a 750 votos de conseguir un segundo deputado pola provincia. Cada voto conta e cada papeleta socialista pode ser decisiva para que Ourense teña máis forza, para defender os nosos dereitos e para impedir que a dereita e a extrema dereita poñan en risco os avances sociais”, afirmou.

A candidata reivindicou o PSOE como a única opción de esquerda con posibilidades reais de disputar representación ao Partido Popular e advertiu de que optar por outras candidaturas sen posibilidades de obter escano pode acabar beneficiando á dereita.

Carmen Rodríguez Dacosta aposta por seguir impulsando o emprego, os salarios e as pensións públicas
A candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, puxo en valor durante a súa intervención os avances experimentados polo mercado laboral nos últimos anos e defendeu a continuidade das políticas que permitiron aumentar o emprego, mellorar os salarios e reforzar os dereitos das persoas traballadoras.

Rodríguez Dacosta lembrou que Ourense supera as 111.500 afiliacións á Seguridade Social, que o paro rexistrado se reduciu case un 30 % respecto de 2018 e que máis de 13.500 persoas traballadoras da provincia se benefician directamente da subida do Salario Mínimo Interprofesional.

“Hoxe hai máis persoas traballando en Ourense, máis oportunidades para a mocidade e máis estabilidade laboral. A reforma laboral demostrou que se pode crear emprego e, ao mesmo tempo, mellorar os dereitos das persoas traballadoras. Temos que seguir avanzando para que o emprego permita vivir dignamente”, sinalou.

A candidata tamén situou no centro da súa intervención a defensa das pensións públicas, lembrando que preto de 100.000 persoas perciben unha pensión na provincia de Ourense e que estas prestacións constitúen un elemento fundamental para a economía de miles de familias.

Rodríguez Dacosta defendeu a revalorización das pensións, a protección do poder adquisitivo das persoas maiores e a sustentabilidade do sistema público, advertindo de que un cambio de Goberno podería poñer en risco os avances conquistados. “As pensións públicas son un dereito, non un negocio. Estamos falando da dignidade de toda unha vida de traballo e da tranquilidade de millóns de persoas. O 29 de novembro temos que votar para protexer as pensións, o emprego e os dereitos sociais”, afirmou.

José Bono reivindica un socialismo moderado na palabra e radical na solidariedade
O exministro de Defensa e expresidente de Castela-A Mancha, José Bono, participou no mitin de Lobios cunha intervención na que reivindicou os valores do socialismo e apelou á capacidade do PSOE para dirixirse ao conxunto da sociedade, tanto ás persoas militantes e simpatizantes como a aquelas que non se identifican co partido.

Bono, que agradeceu a invitación de Patrick Rodríguez, afirmou que falaba “co corazón” e defendeu un socialismo “moderado na palabra, radical na solidariedade, autónomo e eficaz”. O exdirixente socialista reivindicou unha España na que teñan cabida as persoas empresarias que arriscan, as traballadoras e traballadores competentes, as persoas con discapacidade, a mocidade, as persoas maiores, a diversidade e as mulleres que reclaman vivir libres de violencia.

“Ser socialista é ser moderado na palabra, non pechar portas a ninguén, radical na solidariedade, autónomo para dicir o que pensamos e eficaz, porque valemos polo que facemos”, destacou.

José Bono apelou á defensa dunha sociedade máis xusta, solidaria e inclusiva, na que os dereitos, a igualdade e a dignidade das persoas constitúan os principios fundamentais da acción política, e chamou a apoiar o PSOE nas eleccións do próximo 29 de novembro para seguir avanzando e evitar retrocesos.

O mitin celebrado en Lobios enmarcouse na campaña electoral do PSdeG-PSOE de Ourense de cara ás eleccións xerais do 29N, nunha xornada de mobilización na que as e os socialistas reivindicaron a importancia de cada voto para reforzar a representación progresista, defender os avances sociais e garantir que Ourense siga avanzando en dereitos, igualdade, emprego, pensións e investimentos.

5,8M€ para loitar contra os incendios en Laza
O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o compromiso do Goberno de España coa prevención e loita contra os incendios forestais a través do investimento de case 5,8 millóns de euros na modernización integral da base da Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) de Laza. Unha actuación estratéxica para a provincia que permitirá contar cunhas instalacións máis modernas, funcionais, sostibles e seguras para os profesionais que traballan na protección dos montes.

A candidatura socialista ao Congreso e ao Senado destaca que esta intervención é unha mostra concreta da aposta do Executivo de Pedro Sánchez por reforzar os medios públicos de prevención e extinción de incendios, mellorar as infraestruturas e dignificar as condicións laborais dos profesionais.

A actuación de Laza enmárcase nun programa estatal de modernización das dez bases BRIF existentes en España, cun investimento global de 60 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos europeos NextGenerationEU. As obras da base ourensá comezaron en xullo de 2024 e contan cun orzamento de 5.763.141,63 euros. O proxecto contempla a construción dun novo edificio principal e instalacións auxiliares, a modificación do acceso á base, un novo peche perimetral e a mellora do helipuerto.

A nova infraestrutura permitirá dispoñer de espazos específicos para o traballo, o descanso e o adestramento dos equipos, con vestiarios, ximnasio, aulas de formación, dormitorios, cociñas e zonas de traballo. O edificio principal contará cunha superficie aproximada de 1.500 metros cadrados.

O PSOE inviste en prevención e emerxencias mentres o PP cuestionaba a propia existencia da UME
O candidato socialista ao Congreso, Brian Diz González, é especialmente contundente co Partido Popular e lembrou a súa posición histórica fronte á creación da Unidade Militar de Emerxencias (UME), impulsada polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero en 2005.

“Hai que ter memoria. Cando o PSOE creou a UME para reforzar a capacidade de resposta ante incendios e grandes catástrofes, o Partido Popular cuestionaba a súa utilidade, criticaba o seu custo e mesmo poñía en dúbida o seu encaixe constitucional. Hoxe, cando hai unha emerxencia, todo o mundo reclama a súa intervención. Esa é a diferenza entre quen constrúe medios públicos e quen os cuestiona”, afirma.

Diz González destaca que a modernización da base de Laza demostra que o compromiso socialista non queda nas palabras. “Estamos falando de case 5,8 millóns de euros nunha infraestrutura fundamental para Ourense. Non son promesas nin anuncios: son investimentos, obras e melloras reais para que os profesionais conten cos medios que necesitan para protexer os nosos montes e a nosa cidadanía”, subliña

O candidato tamén critica o modelo do Partido Popular na Xunta, reclamando que a prevención forestal conte con recursos estables durante todo o ano e que non se limite a reaccionar cando os incendios xa están activos.

“Non se pode falar de protección do territorio mentres se debilitan os recursos públicos de prevención e se deixa a planificación forestal nun segundo plano. A Xunta ten responsabilidades e competencias que debe exercer con medios suficientes. O que necesita Ourense é máis prevención, máis profesionais e máis coordinación, non recortes nin improvisación”, engade.

O Goberno de Pedro Sánchez demostra que a protección dos montes ourensáns é unha prioridade
Pola súa banda, a candidata socialista ao Senado, Marina Vázquez Quintillán, destaca a importancia estratéxica da base BRIF de Laza para Ourense e para o conxunto de Galicia, ao tratarse da única base destas características existente na comunidade autónoma.

Vázquez Quintillán sinala que investir en instalacións modernas e en mellores condicións para os profesionais significa reforzar a capacidade de resposta ante os incendios e protexer o territorio. “Ourense sabe demasiado ben o que significa sufrir os grandes incendios forestais. Por iso necesitamos gobernos que entendan que a prevención e a extinción son prioridades durante os doce meses do ano. O Goberno de España está demostrando ese compromiso con investimentos como o de Laza”, afirma.

A candidata pon tamén en valor que a modernización das instalacións non se limita á construción de novos edificios, senón que incorpora melloras nas condicións de descanso, preparación física e formación dos profesionais. “Non hai política eficaz contra os incendios sen contar cos profesionais que están na primeira liña. Mellorar os seus espazos de traballo, os seus equipamentos e as súas condicións laborais é investir directamente na seguridade de toda a cidadanía”, destaca.

Neste sentido, reivindica tamén o recoñecemento impulsado polo Goberno socialista do coeficiente redutor da idade de xubilación para os bombeiros forestais, unha medida que recoñece a dureza e perigosidade dunha profesión esencial. “O PSOE non só inviste en edificios e infraestruturas. Tamén recoñece os dereitos dos traballadores e traballadoras que arriscan a súa vida para protexer o noso territorio. Esa é a diferenza entre unha política que pon as persoas no centro e outra que só aparece cando hai que facerse unha fotografía”, engade.

Fronte ao cuestionamento do PP, máis medios públicos e máis investimento
As e os socialistas lembran que a posición histórica do Partido Popular respecto da UME contrasta co papel que hoxe desempeña esta unidade nas grandes emerxencias. En 2008, o programa electoral popular cualificaba a súa creación como unha decisión discutible e cuestionaba o seu encaixe legal. Dirixentes populares chegaron a cualificala de “capricho faraónico” e “despilfarro”.

Fronte a aquela posición, o PSOE defende a creación e o fortalecemento dunha unidade que hoxe constitúe unha ferramenta fundamental na resposta ás catástrofes e aos incendios forestais.

O PSdeG-PSOE destaca tamén que o Goberno de España pon á disposición da Xunta todos os medios estatais de emerxencias para colaborar nas tarefas de prevención e extinción, entre eles as BRIF, a UME, os medios aéreos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Garda Civil, a Policía Nacional e Protección Civil.

As e os socialistas lembran que a Xunta de Galicia é a administración competente en materia de prevención e extinción de incendios forestais e reclamaron que cumpra coas súas responsabilidades mediante unha planificación estable, recursos humanos suficientes e investimentos continuados.

O PSdeG-PSOE de Ourense defende que a protección dos montes, das aldeas e das persoas debe estar por riba de calquera confrontación partidista, pero considerou necesario deixar clara a diferenza entre dous modelos: o do PSOE, que crea e reforza medios públicos e inviste na modernización das infraestruturas, e o do PP, que cuestionou historicamente ferramentas fundamentais como a UME e que debe responder pola xestión dos recursos autonómicos.

De cara á cita electoral, Brian Diz González e Marina Vázquez Quintillán reivindican a necesidade de seguir contando cun Goberno de España comprometido coa provincia, que invista en prevención, emerxencias, protección ambiental e mellores condicións para os profesionais que coidan do territorio ourensán.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.