PSdeG pide á Xunta a presenza do galego nas producións audiovisuais

Critica a "exclusión" do galego na promoción do Camiño de Santiago

Santiago de Compostela/PSdeG | A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de pedir ao goberno galego que garanta a presenza do galego nas producións audiovisuais nas que a Xunta colabora, xa que “é o mellor xeito de promocionar o galego”. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Cultura do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta ao director de AGADIC.

“Non comprendemos como un goberno dun país como Galicia non inclúa como condición sine qua non o idioma en cada produto que financia e asegure a súa dispoñibilidade entre as opcións de exhibición dende o momento da súa estrea”, sentenciou a responsable socialista, logo de sinalar que a serie ‘3 camiños’ se estrou o 22 de xaneiro en exclusiva na plataforma Amazon Prime para 240 países do mundo “sen ningunha presenza do galego”.

Díaz lamentou que esta serie, ideada para promocionar o Camiño de Santiago no Ano Xacobeo 2021, e que contou con 2.125.000 euros de financiación de capital público procedentes dos orzamentos da Xunta e da TVG, “foi estreada en inglés e castelán, con subtítulos en español, inglés, italiano e portugués; pero non en galego, nin sequera na lexendaxe”.

A voceira socialista sinalou que a lei de Normalización Lingüística, “aínda en vigor”, obriga “a fomentar a produción, a dobraxe, a subtitulación e a exhibición de produtos audiovisuais en lingua galega”, pero “non parecen ser moitos os esforzos dados polo goberno galego nese senso”, xa que “seguen a ser escasos os recursos achegados para dar cumprimento a esta fin”.

Así, lembrou o exemplo da película ‘O que arde’, recoñecida internacionalmente no Festival de Cannes e na que o uso do galego “serviu para lanzala máis e, aínda por riba, contribuír á diversidade lingüística no planeta”.

Por último, Díaz censurou a “falla de transparencia e a opacidade dos contratos” asinados pola Xunta para financiar produtos audiovisuais deste tipo.