PSdeG Ourense denuncia o “estado calamitoso” do viveiro municipal

Localizado nas dependencias de Santa Mariña do Monte

Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o “estado calamitoso” no que se atopa o viveiro municipal e esixe que o bigoberno do Partido Popular e Democracia Ourensana poña en valor, de xeito urxente, o “enorme potencial” deste espazo. Os socialistas lembran que as dependencias de Santa Mariña do Monte chegaron a ser un “referente a nivel nacional”, ao tempo que lamentan o “abandono total e absoluto” dunha infraestrutura que leva seis anos en situación de paulatina decadencia polo “desleixo” dos gobernos do PP e de Jácome.

Malia considerar “claramente insuficientes” as contías destinadas á rehabilitación e adquisición de material para este espazo contempladas nos orzamentos aprobados en 2020 –dotadas con 18,000 e 8,000 euros respectivamente–, dende o grupo municipal socialista esixen que o Concello acometa de inmediato estas partidas e que se comprometa a incrementar a asignación para dignificar o viveiro ourensán, dotalo do persoal necesario e conseguir que volva ser o centro neurálxico do abastecemento arbóreo e floral en Ourense que xa foi no seu día.

Neste sentido, dende o grupo municipal socialista fan fincapé en que unha xestión axeitada destas instalacións suporía un considerable aforro para as arcas públicas, posto que permitiría a produción de plantas, flores e arbustos no viveiro, e evitaría o sobrecusto que supón ter que comprar a través de provedores externos a prezos máis elevados.

“Os socialistas lembran que en 2016 o exalcalde da cidade, Jesús Vázquez, visitara as dependencias municipais do viveiro para afirmar que un dos obxectivos marcados polo seu goberno era a recuperación dese servizo”

Os socialistas lembran que en 2016 o exalcalde da cidade, Jesús Vázquez, visitara as dependencias municipais do viveiro para afirmar que un dos obxectivos marcados polo seu goberno era a recuperación dese servizo. Porén, “a declaración de intencións do anterior rexedor popular non só quedou en papel mollado, senón que a situación do viveiro empeorou de xeito exponencial”, denuncian.

“Agora que os populares volveron ao goberno con Jácome, e que as competencias relativas a Medio Ambiente están delegadas no señor Pumar, preguntámonos se van emendar o agravio e cumprir as súas promesas”, inquiren os socialistas. “Do contrario, teremos sospeitas fundadas de que o único que perseguen son as paguiñas e vender fume”, apostilan.

Instalacións estragadas
Os socialistas sinalan que as instalacións do viveiro, inauguradas no ano 1997, contan cunha superficie de 24,000 metros cadrados e están formadas por un invernadoiro de plástico, unha malla de sombreo e unha planta de compostaxe para a recollida de residuos verdes, entre outros equipamentos que a día de hoxe son presa do abandono.

A modo de exemplo, dos 1,200 metros cúbicos de compost vexetal que produce anualmente o viveiro, só se aproveita unha pequena cantidade para o parque botánico de Montealegre, mentres o restante dorme o sono dos xustos nas dependencias de Santa Mariña.

Ademais, a malla de sombreo foi estragada polo vento e nunca se chegou a reparar, e o invernadoiro carece de teito, polo que moitas plantas sofren danos derivados das fortes choivas e tormentas.